O deputado do BNG, Ramón Fernández (Mon) defendeu unha proposición non de lei instando á Xunta a revisar a fiscalidade “a alza” dos gastos de locomoción no traballo e incrementar ao 0,3€ a cantidade exenta do IRPF fixada na actualidade no 0,19 por Km.
O deputado lamentou que o Partido popular vetara a proposta nacionalista e non tivera en conta que os gastos de locomoción son asumidos pola persoa traballadora, por conta allea, para realizar un desprazamento no seu vehículo particular por necesidades da empresa.
A casuística, explicou o nacionalista é diversa, porque pode producirse cando un traballador ou traballadora ten que desprazarse desde o lugar do seu posto de traballo para visitar unha obra, un cliente, asistir a unha reunión de traballo, realizar un reparto, etc, “e sempre que ese desprazamento se realice no seu vehículo particular e por necesidades da empresa”.
Neste caso, a empresa debe compensar ao traballador ou traballadora por asumir ese gasto de desprazamento, e a compensación “nunca debe ser considerada unha retribución salarial porque non é salario nin retribúe o traballo, senón que compensa un gasto previo do persoal que debe asumir a empresa”. Estas cantidades, engadiu o nacionalista, “non cotizan” pero o regulamento do IRPF establece uns topes máximos e “as cantidades que superen eses topes non estarán exentas”. Da igual que a empresa e o seu persoal pacten no contrato, ou por convenio, que esa compensación sexa, por exemplo, de 0,3€ por Km, ou calquera outra cantidade. “Todo o que supere os topes que marca o regulamento do imposto será considerado salario, e tanto empresa como traballador terán que cotizar e tributar pola diferencia que exceda do tope”.
Na actualidade, o regulamento do imposto establece o tope en 0,19€ por km, unha cantidade que non se variou desde a data na que se publicou o regulamento, “marzo do ano 2007, hai 16 anos”.
Dende o BNG, dixo, queremos poñer o foco sobre estes gastos cando un traballador ou traballadora pon a disposición da empresa o seu vehículo ao que debe engadir, no só o combustíbel, senón todos os demais gastos “desde a propia adquisición do vehículo, mantemento, cambios de aceite, filtros, distribución, frenos, rodas, etc, e os gastos de seguros, rodaxe, ou ITV.”
Segundo o Instituto Nacional de Estatística os gastos de utilización de vehículo persoal aumentaron nun 53,1%, desde marzo do 2007, “data de aprobación do regulamento”, até o mes de abril deste ano 2023. “Este incremento do 53,1% sobre a cantidade actual, 0,19€ por km resulta exactamente 0,3€ por km”, recalcou, Mon Fernández.
A maiores, explicou que existen empresas que abonan un cantidade superior ao 0.19€ pero tamén outras que limitan o pago dos gastos de locomoción ás cantidades declaradas exentas polo regulamento do imposto, trasladando aos traballadores e traballadoras “un gasto de produción que non lles corresponde asumir, e que polo tanto vai contra as súas retribucións salariais reducíndoas, tamén indebidamente”.
Por outro lado, considerou que o incremento proposto polo BNG, é unha medida asumible como xa acorre nos territorios vascos con facendas propias establecendo uns topes exentos , entre 0,29 e 0,32€ por km.
O deputado criticou que o Partido popular, “faga bandeira da baixada de impostos” e votara o ano pasado en contra desta proposta e anunciará que está vez mantería a mesma intención de rexeitar a proposta do BNG.
“Non inventamos a cantidade que propoñemos” recalcou, incrementar a 0,3€/km resulta da suba acumulada da inflación desde marzo do 2007, segundo recolle o propio INE, e sobre o grupo de gastos, os de utilización de vehículo persoal, sitúao no 53,1%.