Parlamento Galego

O BNG propón que o persoal que traballa no mar actualice os certificados de suficiencia a través dos ISM de xeito gratuíto

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Na actualidade a renovación faise a través de empresas privadas tras realizar un curso que ten un custe medio de 200€

O BNG presenta unha proposición non de lei no Parlamento para solicitar que os traballadores e traballadoras do mar reciban os cursos preceptivos para a renovación dos certificados de suficiencia de xeito gratuíto a través da rede de centros de formación que o Instituto Social da Mariña (ISM) ten por toda Galiza.

Ata hai cinco anos a renovación deses certificados era un trámite administrativo polo que se pagaba a taxa establecida e se obtiña o certificado por outro período de cinco anos acreditando a experiencia necesaria. Pero na actualidade, a renovación obriga a realización dun curso que só está dispoñíbel a través de empresas privadas que cobran arredor duns 200 euros polo mesmo.

Sen embargo, o ISM dispón de centros de formación propios e de centros locais ou comarcais distribuídos polo territorio, que poderían impartir de xeito gratuíto os cursos e evitar así que as traballadoras e traballadores do mar teñan que recorrer aos cursos ofertados por empresas privadas e facerlle fronte aos custos que supoñen.        

“Os certificados son obrigatorios para todas as persoas profesionais da flota de baixura e a realización desa formación supón un custo moi difícil de asumir para un número importante de mariñeiros aos que xa lles custa manter a súa actividade e uns mínimos ingresos. Os cambios normativos non poden significar unha carga económica máis, que incluso podería abocar en moitos casos ao abandono da actividade ou ao seu desenvolvemento sen a obtención do necesario certificado”, explica a portavoz parlamentaria de Pesca, Rosana Pérez, na iniciativa.

No 2021 expirará a validez dos certificados emitidos no 2016 e o persoal do sector do mar deberá aportar os cursos correspondentes para asumir as tarefas, os cometidos e as responsabilidades necesarias a bordo. Os certificados afectados son: Formación básica en seguridade, Avanzado na loita contra lumes, Embarcacións de supervivencia e botes de rescate non rápidos e  Botes de rescate rápido.

Neste sentido, e tendo en conta que os traballadores e traballadoras do mar en activo están obrigados a actualizar os seus coñecementos  e, periodicamente, a obter os certificados de suficiencia correspondentes, imprescindíbeis para o desenvolvemento da súa actividade, o Bloque leva ao Parlamento un PNL para reclamarlle ao Goberno do Estado que  facilite, a través do ISM ou outras institucións acaidas, a realización dos cursos para a renovación ou obtención do certificado de suficiencia de xeito gratuíto e evitar un gasto difícil de asumir para moitos traballadores e traballadoras do mar.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG