A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, defendeu na Cámara unha iniciativa para reclamarlle ao Goberno central a modificación da Lei da Seguridade Social co obxectivo de dar maior protección económica ás persoas afectadas por unha enfermidade grave de longa duración.
En concreto, o BNG solicitaba que a persoa afectada sexa considerada en situación de incapacidade permanente unha vez finalizada a transitoria e, por tanto, reciba a prestación económica correspondente durante o tempo que sexa necesario até a súa total presumible recuperación definitiva.
“O máis frecuente é que finalizada a cobertura económica vinculada á incapacidade laboral transitoria, as persoas afectadas estean aínda en proceso de rehabilitación ou pendentes de algunha nova intervención médica, en algúns casos quédalles pedir a incapacidade laboral permanente ou, se están no desemprego, solicitar algún tipo de prestación ou subsidio”, explicou Prado, solicitudes que moitas veces son denegadas.
Como referencia para determinar esa recuperación a efectos de levantar a declaración de incapacidade laboral permanente, a proposta do BNG sinalaba o feito de que as revisións médicas tivense lugar, cando menos, cunha periodicidade non inferior aos seis meses. Ademais, a formación nacionalista solicitaba na súa iniciativa, -que non prosperou polo veto do PP-, que esa declaración de incapacidade permanente vaia acompañada da reserva do posto de traballo.
As cifras avalan a necesidade desta proposta, alegou Prado, xa que máis de 5.000 persoas diagnosticadas cada ano de cancro non reciben ningunha prestación económica, hai 10.000 no paro e máis da metade non contan con axuda ao que se engade a situación de especial vulnerabilidade das persoas autónomas, “case abocadas á exclusión social”.
E mentres os ingresos se reducen ou desaparecen, o gasto médico por familia se incremente de media un 7% por medicamentos, tratamentos de rehabilitación ou desprazamentos. “Estamos falando dun amplo espectro de persoas que quedan nunha situación de exclusión social ao amparo de familiares e amigos, por iso a proposta do Bloque de modificar a Lei de Seguridade Social”, alegou Prado, lembrando que o BNG xa tiña defendido tamén no Congreso esta modificación cunha proposición de lei.
A deputada puxo en valor ás persoas cuxo traballo de denuncia e difusión teñen contribuído a xerar debate e conciencia social sobre esta situación que afecta á vida de milleiros de persoas, cunha referencia especial á viguesa Beatriz.
“A crise económica agravou a situación deste colectivo de doentes con enfermidades de longa duración, colocando a que soportan unha doenza grave que non se cubre coa incapacidade laboral temporal en situación de vulnerabilidade”, concluíu Prado.