A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil formulou unha pregunta ao goberno sobre as medidas concretas da Estratexia galega de envellecemento 2016-2020 e as previsións para garantir o “dereito a unha vellez digna”.
Para a nacionalista, urxe cambiar o modelo de residencias e reforzar os servizos e recursos públicos para as persoas de idade avanzada ou con discapacidade. Neste sentido, criticou a "falta de ambición” da Estratexia galega de evellecemento 2016-2020.
Na súa intervención lembrou que o BNG propuxo un cambio do actual modelo de residencias á que o Partido popular votou en contra ao igual que as medidas para ampliar e reforzar o Servizo de Axuda no Fogar, mellorando o sistema de financiamento deste servizo e adaptándoo ás necesidades presentes e futuras da poboación galega. O PP, recalcou, tamén vetou esta iniciativa.
A nacionalista insistiu na necesidade de traballar cun enfoque preventivo da dependencia e de promoción da autonomía persoal centrado “nas persoas e na longa duración”.
Nese marco, dixo, é preciso referirnos a un “envellecemento saudable” de participación, valoración, hábitos, costumes, e estilos e modos de vida que condicionan o noso benestar, a nosa saúde porque cumprir anos, e facernos vellos e vellas non é sinónimo de “enfermidade e perda de capacidades”.
Sen embargo, “a sociedade actual camiña en sentido contrario” e estamos a ver como se producen profundas mudanzas culturais e se impón un individualismo cada vez maior que borran á comunidade dos apoios e dos coidados.
Rodil tamén se referiu ao avance do idadismo, “ discriminación social por razón de idade” que conduce á exclusión das persoas maiores negándolles a participación e mesmo a capacidade de interacción co resto da poboación e tamén coa administración.
Diante desta situación, explicou que no 2020 a OMS declarou a década actual (2020-2030) do “envellecemento saudable” e trazou unha estratexia encamiñada a garantir calidade de vida, benestar e dereitos ás persoas maiores. Nese momento, a Xunta tamén contaba coa Estratexia galega de envellecemento activo 2016-2020. Unha estratexia, a xuízo da deputada enfocada á descrición demográfica, sen medidas concretas nin orzamento. No documento figuraba fomentar a corresponsabilidade e as redes de apoio cara ao bo coidado e a conciliación familiar e laboral, desenvolver a comunicación como ferramenta de inclusión, favorecer a sensibilización e non discriminación pero “carecía de seguimento e avaliación destes obxectivos” e despois de tres anos, non temos unha análise das medidas postas en marcha e no ao 2022 non hai constancia de ningunha nesta materia polo que preguntou con que previsións conta a Xunta para cumprir coas recomendacións da OMS.
As persoas maiores xa van os balnearios e se forman nas universidades, o “envellecemento saudable” debe cumprir outras funcións
Tras a resposta do director xeral de Maiores e Atención sociosanitaria, Antonio Acevedo, a nacionalista recalcou que da resposta do membro do goberno hai que deducir que “non fixeron nada” do prometido sobre o plan para a formación continuada e bo uso das TIC, sobre programas de preparación de tránsito á xubilación, non impulsaron medidas para o Servizo de Axuda no Fogar e mesmo o PP votou en contra no Parlamento galego dunha iniciativa do BNG nesta liña.
O PP, afirmou a nacionalista continua utilizando ás persoas maiores como “anuncio electoral” porque non hai ningunha medida para favorecer o benestar nin a súa calidade de vida e agora pretende vender medidas que xa existen dende hai anos porque as persoas maiores xa ían aos balnearios, nas universidades levan décadas coa formación de persoas de máis idade e a estratexia para o “envellecemento saudable” ten que ser outra cousa diferente e cumprir outras funcións, concluíu.