O BNG vén de presentar no Parlamento galego unha batería de iniciativas para instar á Xunta a tomar medidas preventivas ante os riscos de contaxio por COVID19 nas granxas de visóns galegas e propón neste sentido a implementación do Sistema de Alerta Temperá, método utilizado polos Países Baixos e que consiste na realización de test RT-PCR semanais a varios cadáveres dos animais en cada unha das explotacións.
O deputado Luís Bará advirte da confirmación nos últimos meses do elevado risco destes animais para a saúde, logo de que se coñecesen numeroso gromos de COVID19 en granxas de Países Baixos, Dinamarca, Suecia, Estados Unidos e España.
Nesta liña, remite aos estudos científicos realizados en Dinamarca e Países Baixos nos que se constatan evidencias da transmisión do virus de visóns a humanos, polo que reclama ao Goberno galego medidas de prevención e información concisa no caso de xa ter tomado algunha. Así pois, pide ao Executivo do PP que, de terse realizado test nas explotacións galegas, concrete o seu número e resultados e informe sobre a detección de posibles casos de contaxio.
Así mesmo, Bará lembra que nos últimos anos diversos países europeos xa prohibiron as granxas de visóns por razóns éticas e de benestar animal e que no Estado español tamén se aprobaron restricións a este tipo de explotacións, “salvo en Galiza, que concentra aproximadamente o 90% da produción total”.
Para o deputado nacionalista, ás razóns éticas e de benestar social hai que sumar que esta industria causa ademais graves danos ambientais por tratarse dunha especie invasora e, agora, os seus potenciais riscos sanitarios, polo que na batería de iniciativas presentada na Cámara galega tamén se reclama á Xunta que demande do Goberno estatal os cambios normativos precisos para prohibir este tipo de explotacións e proceder ao peche das existentes.