parlamento galego

BNG propón unha empresa pública que democratice a enerxía e evite “que outros muxan a vaca que alimentamos nós”

Xosé Manuel Golpe
Xosé Manuel Golpe

Golpe lamenta a falta de “altura de miras” do PP ao rexeitar unha iniciativa que busca colocar o País “á vangarda da transformación enerxética”

Noa Presas pide a devolución da Lei de Recursos Naturais porque “só pode traer máis caos, máis desprotección e danos irreparables” no territorio

O responsábel de Enerxía do BNG, Xosé Manuel Golpe, defendeu no Pleno a iniciativa lexislativa do BNG para a creación dunha empresa de titularidade 100% pública que xestione todo o sistema eléctrico galego e contribuía a “democratizar” os recursos enerxéticos e os seus beneficios, a evitar “que outros muxan a vaca que alimentamos nós” e a poñer Galiza á vangarda da transformación enerxética.

Golpe iniciou a súa intervención lembrando a escena que debuxou Castelao para denunciar que “nós poñemos o vento, nós sacrificamos a nosa terra e o noso xeito de vida a cambio de nada”, un modelo que, dixo, chega ata hoxe, como sucede coas concesións hidráulicas ou coa enerxía eólica, vítima dunha “parálise sectorial provocada polas ansias e as presas que a Xunta ten en poñer o País a disposición dos grandes grupos enerxéticos”.

Neste contexto, o proxecto de lei do BNG propón unha empresa pública de enerxía para participar activamente no desenvolvemento de proxectos de xeración de enerxía renovable, dando prioridade á sostibilidade ambiental, cultural e paisaxística.  A empresa pola que aposta o Bloque, explicou Golpe, tomaría parte de proxectos de distribución eléctrica a fin de crear unha rede de distribución pública galega. Ademais, comercializaría enerxía renovable, “incrementando a protección de colectivos vulnerábeis”

Outro dos seus cometidos, expuxo, sería avanzar na innovación e no valor engadido impulsando proxectos de almacenamento enerxético e sistemas de recarga para os vehículos eléctricos. “A electrificación do parque móbil ou a penetración do hidróxeno como vector enerxético  son realidades xa presentes nas que a Administración galega ten que exercer a súa potestade para ordenar e planificar”, manifestou.

Golpe incidiu, por outra banda, no rescate para o público de elementos estratéxicos no ámbito da enerxía e, neste punto, defendeu a recuperación das concesión hidráulicas que cheguen ao fin da explotación concesional. A día de hoxe, detallou, existen aínda case 70 concesións deste tipo en Galiza que, “ou ben seguen en explotación e están chegando ao final da mesma ou están nunha especie de limbo que non é positivo para ninguén”.

Afondando na imaxe da vaca muxida por outros, puxo como o exemplo o encoro de Belesar, presentado durante a ditadura como proxecto para o rápido crecemento industrial do País cando hoxe a empresa que o puxo en marcha ten a súa sede social en Madrid e conserva menos de 600 posto de traballo na Galiza, “namentres mantén centros de xeración enerxética que producen máis de 4.000 Gwh de enerxía eléctrica anualmente”.

O deputado nacionalista referiuse á “democratización” da enerxía como un dos grandes retos a afrontar e, neste sentido, aludiu ao autoconsumo e as comunidades enerxéticas como outra das grandes áreas de traballo para a empresa pública que propón o BNG, aberta á participación das administracións locais e das comunidades de montes veciñais.

“É preciso fortalecer o papel das administracións públicas para garantir que o potencial enorme que ten o noso País e os seus recursos naturais revertan directamente no desenvolvemento social e económico e coloquen Galiza á vangarda da transformación enerxética”, manifestou Golpe, para referirse a exemplos de corporacións públicas extranxeiras como a norueguesa Statkraft ou a italiana Enel Green Power.  Recordou, tamén, os exemplos de participación pública que existen no Estado español, como o Ente Vasco da Enerxía ou o L’Energética catalana. “Non cabe dúbida sobre o encaixe legal da nosa proposta.”, aclarou.

Lamentou así a “falta de vontade política” do PP para sacar adiante unha proposta que, destacou, “está en liña” co solicitado polo propio Consello Económico e Social de Galiza. “Compre dar un xiro de timón, socializando os réditos que se derivan das explotacións dos recursos, e tomar nota dos erros pasados para acabar coa parálise e atender as reivindicacións sociais xustas”, afirmou.  

Lei de Recursos Naturais

O BNG defendeu, por outra banda, unha emenda á totalidade ao proxecto de lei de Promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galiza, coñecida como Lei de Recursos Naturais e que a deputada Noa Presas definiu como “un cabalo de troia que colle do gardarroupa o disfrace de beneficios para o País cando en realidade é un caixón de xastre de medidas contrarias á preservación dos nosos recurso e contrarias ao desenvolvemento de Galiza”.

Presas defendeu o “non caro claro e rotundo” a un proxecto que, segundo asegurou, “só pode traer máis caos, máis desprotección e danos irreparables” para o País. Sintetizou en cinco as grandes razóns do rexeitamento a esta lei: chega despois dun proxecto de elaboración fraudulento en termos democráticos; non resolve os retos económicos e industriais; non ordena nin cambia o modelo enerxético senón que promove no espolio; non protexe o medio e afonda na depredación; e é un caixón de xastre que mestura ámbitos que deberían ter unha lexislación propia, como é o caso da eólica mariña.     

A deputada nacionalista considerou que o proxecto de lei corresponde ao “PP máis neoliberal, máis anti biodiversidade e máis anti galego da historia” e constitúe “o peor exemplo de falta de participación social e de rigor técnico de toda a historia da autonomía galega”. “É difícil ser máis impresentables, asegurou Presas, para quen o PP confunde “ter maioría absoluta co absolutismo absoluto”.   

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG