Parlamento Galego

O BNG propón un acordo de consenso para fortalecer a capacidade de decisión de Galiza na distribución dos fondos europeos Covid19

Noa Presas
Noa Presas
“Este novo escenario non pode prexudicar de novo os intereses galegos”, advirte Noa Presas

O grupo parlamentar do BNG defendeu unha Proposición Non de Lei no Pleno para constituír unha ponencia para elaborar unha proposta de consenso entre todos os grupos para ser defendida mediante negociacións bilaterais por parte da Xunta de Galiza ante o Estado, de cara á negociación da distribución dos 140.000 millóns de euros procedentes da Unión Europea “co obxectivo de fortalecer a capacidade de decisión de Galiza a respecto desta achega económica”, explicou a deputada Noa Presas.

“Nestes últimos meses puidemos ver a importancia de que Galiza faga valer unha posición propia respecto das negociacións de fondos europeos, e de todo tipo, para abordar as consecuencias da covid-19”, sinalou.

No mes de xullo asinábase un pacto na Unión Europea co que disponibilizará un volume de 750.000 millóns de euros dos que ao Estado español lle corresponderán 140.000 millóns, case 73.000 en axudas directas. Para Noa Presas, en realidade o Estado español está a ser rescatado novamente pola Unión Europea, pois estes fondos terán que ser devoltos dun xeito ou doutro. Unha parte vía devolución do prestado e outra a través da achega ao orzamento comunitario, recibindo menos noutras partidas.

A outra cara da inxección destes fondos son, dunha banda, a súa condicionalidade e a previsíbel imposición de reformas no ámbito económico e, doutra, a xa confirmada redución de partidas e fondos “tradicionais” que afectarán profundamente Galiza. Por exemplo, esta redución de partidas xa se pode visibilizar na anunciada baixada de fondos da Política Agrícola Común e, previsiblemente, dos fondos de cohesión. Tamén outros recortes como a supresión dun total de 80.000 millóns do Fondo para a Transición Xusta, que pasa de 30.000 millóns a 10.000 millóns, co que Galiza, que podería ser destinataria desas axudas, tamén sufriría a rebaixa de fondos posíbeis nun momento moi crítico pola previsión de peche das centrais térmicas.

“O noso país, que xa sofre a deficiente xestión e uso de fondos europeos por parte dos sucesivos gobernos de Feijóo e as consecuencias de décadas de falta de capacidade de decisión sobre diversos fondos económicos, precisa que este novo escenario non prexudique outra volta os intereses galegos”, destacou Noa Presas. “Esta situación require de posicións ambiciosas e de país e dunha firme negociación a prol dos intereses de Galiza”, engadiu.

Entre os criterios para o reparto deses fondos, advertiu que son relativos a poboación, caída do PIB e taxa media de desemprego, “que non están exentos de desavenencias, pois o proprio Tribunal de Contas Europeu vén de sinalar que a chave de reparto dos fundos debería ter en conta non só atenuar o impacto da COVID-19 senón promover a cohesión da economía, social e territorial”, ademais de facer referencia á “ofensiva recentralizadora” posto que recorrentemente as políticas comunitarias “son aproveitadas polos sucesivos gobernos para recentralizar competencias e baleirar de contido as funcións e responsabilidades do noso país”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG