O BNG presenta a primeira Lei de Memoria Histórica Galega para o resarcimento das vítimas do franquismo

Luís Bará
Luís Bará

Inclúe a creación do instituto da Memoria histórica Galega, un censo de vítimas e a localización e exhumación dos restos así como a anulación de xuízos e condenas franquistas

O deputado do BNG, Luís Bará presentou hoxe o texto lexislativo, Memoria histórica democrática de Galiza elaborada pola BNG para o resarcimento das vítimas do franquismo, a recuperación dos bens espoliados pola ditadura e a anulación dos xuízos e condenas franquistas.

Para o deputado do BNG, as institucións públicas galegas deben amosar unha postura clara de condena do golpe de Estado do 36, da ditadura franquista e da represión que sufriron miles de galegas e agalegas nese período histórico. Neste sentido, explicou que a lei do BNG inxírese dentro do marco de normas internacionais para a promoción e protección dos dereitos humanos mediante a loita contra a impunidade.

“Unha democracia asentada no esquecemento é unha democracia fráxil”, afirmou Bará e  de aí a necesidade de defender   “o dereito a verdade” coa creación da Comisión da verdade, a Oficina de Atención ás vítimas, o Instituto da Memoria Histórica galega, un censo de vítimas, o banco de ADN e a localización e exhumación dos restos de todos os galegos e galegas que viviron a represión franquista. No prazo de seis meses, dende a entrada en vigor da lei tamén será realizado un censo de símbolos, expresións e monumentos de exaltacións do golpe de estado e a Ditadura franquista para promover “a súa eliminación”:

A lei busca a continuidade no tempo, a normalización a través do coñecemento histórico e baixo unha perspectiva de xénero porque, un gran número de  mulleres viviron a brutalidade e a represión de maneira física e psicolóxica, moitas, recalcou Bará “foron violadas, perseguidas e asasinadas”, e temos a obriga de recoñecer a súa resistencia.

Os 69 artigos da lei abranguen diferentes  aspectos e contidos recollidos a través da participación e debate con diversos colectivos. É unha lei, reiterou o deputado, “democrática, antifascista e galega” e anunciou que agarda que o resto dos grupos parlamentarios apoien o texto que será debatido na vindeira sesión plenaria.

O parlamentario do BNG considerou que a lei de Memoria histórica galega responde á reparación dunha anomalía democrática e representa a “limpeza dos pozos negros da transición”. Ademais, criticou que tanto o Partido popular como o Partido Socialista non mostraron intención para recuperar os ben espoliados pola familia Franco, o Pazo de Meirás, a Casa Cornide e as figuras do Pórtico. Para o deputado, PP e PSOE están “amparando os intereses da familia” do ditador, mentres 19 persoas seguen acusadas por reclamar a devolución destes bens roubados ao pobo galego.

“O Partido popular debe decidir  de que lado está” e no debate da Lei de Memoria histórica ten a oportunidade de dar un paso adiante  para frear o proceso de  involución, “o PP debe saír do armario da historia do franquismo”. É necesario render unha homenaxe a todos os galegos e galegas que loitaron contra a ditadura e o PP pode sumarse a ese homenaxe ao igual que fixo contra as vítimas do nazismo.

Bará concluíu afirmando que a lei de Memoria histórica galega non conleva un custe económico elevado xa que sería asumida polas propias institucións. 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG