O BNG presenta 40 propostas contra "o fiasco" das políticas de Feijóo

As propostas de resolución do BNG buscan o impulso do emprego, a economía, os sectores básicos e o apoio a cultura e lingua galega

Ana Pontón na presentación das propostas de resolución

 O grupo parlamentario do BNG presenta corenta propostas de resolución no Debate de Política xeral entre as que reclama unha investigación sobre as causas e responsabilidades do accidente ferroviario de Angrois e o proceso de privatización do novo hospital de Vigo, Álvaro Cunqueiro.

Ana Pontón, encargada de presentar ante os medios de comunicación as corenta propostas do BNG asegurou que van destinadas a impulsar o emprego, a economía, os sectores básicos e apoiar a cultura e lingua galega.

Feijóo descoñece a realidade galega

Para a deputada, Feijóo onte no debate demostrou non “coñecer os problemas deste país” e confunde “as estatísticas coa realidade” ademais de esquecer a principal preocupación de todos os galegos e galegas que é “o paro e a emigración”. Constatamos tamén, dixo, a “súa incapacidade para dar resposta ás preocupacións da sociedade galega”.

A parlamentaria asegurou que detrás dos anuncios e promesas de Feijóo “non hai vontade real de rectificar a súa política errática e sobre todo estamos ante un goberno esgotado para enfrontar o retos que a sociedade galega ten por diante”.2

40 propostas limitadas polo acordo PP-PSOE

A deputada criticou o “acordo bipartidista” que limita a presentación de 40 propostas de resolución por grupo parlamentario suxeitas ademais a un “corsé” na súa formulación, en todo caso, dixo, as propostas do BNG abordan tres eixos para acabar coa submisión de Galiza aos intereses de Madrid e da U.E, a defensa dos dereitos sociais e de igualdade e un novo modelo territorial e ambiental.

Galiza, unha nación con dereito a poder decidir o seu futuro

Neste sentido, destacou o modelo de financiamento aceptado por Feijóo que discrimina a Galiza polo que o BNG propón “ un cupo” co que se poderían recadar 2.000 millóns de euros máis ao ano así como unha fiscalidade plena subindo os impostos ás rendas máis altas e novos impostos a empresas que contaminen o medio ambiente e as grandes superficies comercias. A maiores, o BNG propón outro imposto ás empresas subministradoras de ADSL destinándoo ao apoio do audiovisual e o cinema. Pontón tamén reclamou que Feijóo rectifique sobre a suba de hidrocarburos que fai que a gasolina sexa máis cara en Galiza.3

Crear unha Banca pública galega, unha tarifa eléctrica galega, derogar o “imposto ao sol” e acabar coas as peaxes abusivas na AP 9 e na D 53 son algunhas das propostas que defenderá o BNG. Asemade, propón crear un fondo dotado con “400 millóns de euros para desenvolver o servizo de cercanias do ferrocarril”.

A deputada tamén defendeu un plan de emprego cun apoio real ao sector naval, pesqueiro, marisqueiro e medio rural e pediu que se cuestione o decreto sobre as axudas ao sector lácteo que “discrimina aos produtor@s galegos” polo que propuxo crear unha comisión de seguimento do acordo e medidas eficaces.

Pontón tamén aludiu ao I+D+i, ámbito no que o goberno galego, dixo, aplicou grandes recortes e reclamou “unha Lei galega da Ciencia e da Investigación” para este sector estratéxico destinando o 3% do PIB.

A deputada salientou que é necesaria unha nova lei do solo e considerou que non se pode falar dun novo modelo ambiental se “Ence non sae da ría”.

Dereitos sociais e Igualdade

Neste bloque de propostas, o BNG reclama eliminar os “vetos e corsés” no Parlamento imposto polo PP e PSOE e que a participación a través de consultas populares sexa real nesta institución.

10.000 vivendas de promoción pública contra os desafiuzamentos

A loita contra os desafiuzamentos cun “plan especial para que durante os próximos 5 anos se poñan en marcha 10.000 vivendas de promoción pública en aluguer”, medidas para loitar contra a corrupción, que Galiza conte cunha radio e televisión públicas que non estean ao servizo do Partido popular, unha comisión de investigación sobre a privatización do Hospital de Vigo e que a concesionaria “asuma todas as deficiencias” do centro, son outras das propostas presentadas hoxe polo BNG.4

Pontón reclamou unha solución para os preferentistas, os emigrantes retornados e o colectivo long hope que reclaman as súas pensións a Noruega.

A parlamentaria pediu axilizar o cobro da RISGA “en dous meses” e que se cumpra a lei de igualdade no emprego. Tamén reclamou ampliar as axudas ás vítimas de violencia de xénero introducindo a figura de “feminicidio”.

Finalmente, reclamou unha nova etapa para a lingua galega e que se apliquen as leis de Normalización Lingüística e cun “novo decreto” que cumpra o Plan xeral de Normalización Lingüística.

A parlamentaria do BNG concluíu pedindo que se recupere a consellería de cultura “con máis fondos” e que un dos edificios da cidade da Cultura sexa destinado a “unha pinacoteca nacional galega”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG