A deputada do BNG, Olalla Rodil formulou hoxe unha pregunta ao goberno galego sobre o “futuro dos fondos do Centro Galego de Bos Aires”.
A parlamentaria lembrou que no centro seguen depositados un gran número de obras do patrimonio cultural de Galiza: arquivos sonoros e documentais, cadros, e conferencias de Blanco-Amor, Otero Pedrayo, Risco e Castelo, “ un conxunto fundamental para coñecer e comprender a nosa historia desde comezos do século XX, e especialmente a partir de 1936.
O futuro do Centro Galego, o seu patrimonio cultural, os servizos asistenciais e sanitarios, preocupa en Arxentina á colectividade galega pero tamén en Galiza territorial, explicou, e non só ao BNG, senón tamén a institucións estatutarias que se pronunciaron ao respecto recentemente, coma o Consello da Cultura Galega que ao igual que queremos facer hoxe nós, dixo, lles lembrou a obriga legal que ten a Xunta de Galiza, disposta nos artigos 4 da Lei de Patrimonio e 27 da Lei de Galeguidade, explicou a nacionalista.
Para Rodil, no Goberno recae a responsabilidade de salvagardar o patrimonio cultural galego no exterior, protexéndoo e garantindo que manteña a súa galeguidade. Poñéndoo en valor e difundíndoo para o seu estudo e coñecemento e preguntou si o Goberno galego mantivo algunha reunión ou contacto con representantes da directiva do Centro e as autoridades arxentinas e cal é a proposta da Xunta para salvagardar este patrimonio.
Pola súa parte, o conselleiro de Educación despachou o asunto afirmando que a “Xunta estaría vixiante” ao que a nacionalista respondeu que “ademais de vixiar, a Xunta debe “actuar para garantir a protección do inmenso patrimonio do Centro galego de Bos Aires”.
Ademais, Rodil reclamou remitir á cámara e de maneira periódica “información sobre as accións da Xunta a este respecto”.