O BNG pide trasladar a Galiza o patrimonio cultural do Centro Galego de Bos Aires

Centro Galego de Bos Aires
Centro Galego de Bos Aires

Ante a posible venda do histórico Centro galego de Bos Aires ao fondo de  inversión, Grupo Ribera Salud, o BNG anuncia que rexistrará unha batería de iniciativas para reclamar que a Xunta de Galiza adopte as medidas  necesarias para que os fondos  sexan trasladados a Galiza e pasen a formar  parte do patrimonio público galego.

A portavoz de cultura, Olalla Rodil asegura que a Lei de Patrimonio cultural de Galiza 5/2016, no seu artigo 4,  obriga ao  Goberno galego a salvagardar o patrimonio cultural que se atope no exterior, especialmente en Latinoamérica.

En virtude do disposto na lexislación vixente, anuncia Rodil, o BNG  instará á Xunta, ante da gravísima situación económica na que se atopa o Centro Galego e que rematará, previsibelmente coa venda desta entidade ao fondo de investimento, “que actúe e defenda o patrimonio galego na diáspora”. O  Centro Galego conta  cunha biblioteca con 20 mil volumes, algúns deles primeiras edicións con  exemplares de enorme valor histórico; un arquivo sonoro de gravacións de conferencias e actos nos que participaron intelectuais como: Otero Pedrayo, Castelao, Cunqueiro, Blanco Amor ou Martínez Risco ademais  dunha pinacoteca con obras de  Luís Seoane e Carlos Maside.

“A Xunta de Galiza non pode deixar abandonado este patrimonio” e dende o BNG instamos ao  Goberno galego a actuar e adoptar as medidas necesarias  para garantir a  salvagarda do patrimonio galego no exterior  e traelo a Galiza permitindo que poida ser desfrutado por todas as galegas e galegos.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG