O deputado do BNG, Paulo Ríos formulou hoxe un pregunta en comisión sobre o estado de abandono do parque forestal de Castiñeiras e o incumprimento da Xunta para a súa xestión.
Ríos explicou que existe un convenio entre a Comunidade de Montes, propietaria do espazo, e a Xunta por trinta anos establecendo a responsabilidade da Xunta para o mantemento, limpeza e reparacións do parque. Ante o incumprimento reiterado do convenio, o nacionalista lembrou que ano tras ano o BNG reclama no Parlamento galego unha solución para que non sexa só a Comunidade de Montes a que continúe correndo cos gastos do parque. Ao seu entender, “a solución pasa polo traspaso da xestión do parque, de 20 hectáreas, a mans da Comunidade de Montes”.
Na actualidade o mobiliario está danado, hai puntos de lixo descontrolados, non se fan as podas e limpeza con periodicidade e non se acometen obras para mellorar o espazo. Dende o BNG, dixo, reclamamos unha valoración da Xunta sobre os traballos realizados e a realizar para mellorar o parque así como o “cumprimento do convenio”. No caso de continuar a Xunta incumprindo o acordado “ o convenio debe reverter os terreos aos propietarios de montes”.
O espazo abarca os concellos de Marín e Vilaboa e require “unha atención” que non está tendo. “A Xunta desatende as súas obrigas” e os traballos de mantemento están a ser asumidos pola Comunidade de Montes, reiterou Ríos.
Si a Xunta continúa “co seu desleixo” debe dar por concluído o convenio e trasladar a xestión do parque forestal de Castiñeiras á Comunidade de Montes de Vilaboa.