O BNG pide retirar as dúas Ordes que recortan o Préstamo gratuíto universal de libros de texto

O deputado do BNG, Cosme Pombo presentou unha Proposición non de lei co fin de derrogar as Ordes de Educación  que regulan as axudas e “fondos de libros” porque non favorecen a igualdade de oportunidades

Cosme Pombo en rolda de prensa

O deputado e portavoz de Educación do BNG, Cosme Pombo, reclamou “a volta do préstamo universal gratuíto dos libros de texto”, un modelo defendido sempre polo Bloque Nacionalista Galego como “única maneira” de garantir un ensino público, gratuíto e de calidade polo que demandou a retirada das dúas Ordes que regulan os “fondos de libros de texto” e o recorte das axudas.

Ante os medios de comunicación, o deputado pediu que os textos e material utilizado polo alumnado “non lles custe nada”. Asemade, lembrou que este modelo foi instituído durante o Goberno de Manuel Fraga e o Bipartito xeralizouno.

O grupo parlamentar do BNG, recalcou, sempre defendeu a gratuidade do ensino público, galego e de calidade como marca a lei, pero lamentablemente este principio, “non se está a cumprir” co alumnado do ensino básico obrigatorio.

Cosme Pombo explicou que o ano pasado, no inicio do curso, o BNG insistiu na necesidade de manter o préstamo universal de libros de texto pero Feijóo “ seguiu coa mesma cantinela” que non é outra máis que “recortar e recortar” no ensino público e tamén nas axudas aos libros de texto. Ante as protestas unánimes da oposición, Ampas, sindicatos de Ensino e da totalidade da comunidade educativa, neste curso, Feijóo institucionalizou o que el denomina o “método de gratuidade solidaria” que consiste nun cheque de axuda só a algunhas familias cunha contía de 90 euros a 170 como máximo. “Algunhas familias reciben un cheque que non cubre sequera o abono dos libros” e puxo como exemplo unha familia monoparental cunha renda de 500 euros ao mes que recibe unha axuda de 90 euros para os libros do seus fillos, libros custan “máis do duplo”. Para nós, dixo, este sistema “é totalmente inxusto”.

Cosme Pombo

O deputado remarcou que Feijóo cambiou o modelo de préstamo introducindo unha “nova brincadeira”. O ano pasado, explicou, só destinaron axudas “a unhas cantas familias” pero as axudas obrigaban as familias a entregar os libros por elas mercados. Por outro lado, tamén vai a existir un fondo de libros procedentes das devanditas axudas pero neste curso, moitos colexios cambiaron os textos obrigados pola LOMCE e polo tanto os alumnos que soliciten unha axuda non a terán.

O BNG solicita que sexan retiradas as dúas ordes que regulan o fondo de libros e as axudas e que se volva ao modelo de “préstamo universal gratuíto dos libros de texto”,concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG