A portavoz de Pesca e Marisqueo do BNG, Rosana Pérez afirma que o recurso presentado pola Ministerio para a Transición Ecolóxica contra o plan marisqueiro de Galiza prexudica gravemente ao sector con máis de 8.500 persoas dedicadas a esta actividade, na súa maioría mulleres.
Para a deputada, o recurso é “unha inxerencia” contra as competencias exclusivas no marisqueo da Xunta como recolle o artigo 27 do Estatuto de Autonomía. A lexislación que desenvolven os plans marisqueiros, explica a nacionalista, establece as regras da actividade dende o ano 1993 e dende ese ano, “o estado nunca solicitou ningún informe para a súa aprobación”. Un plan de explotación marisqueira establece as cotas, os días e as actividades para a conservación das diferentes zonas, “regula a actividade e condicións de traballo” polo que non entendemos, reiterou, “esta inxerencia nas nosas competencias en marisqueo”.
A parlamentaria alertou das consecuencias, directas e indirectas que xera este recurso ao que sumou un dano “incalculable” e anunciou que o BNG presentará de inmediato iniciativas parlamentarias en Galiza e no Congreso instando ao goberno central a retiralo. Rosana Pérez considera que as competencias galegas en materia de marisqueo deben “estar blindadas” para impedir que calquera administración as utilice para a súa loita “política e partidista”.