BNG solicita o amparo da Presidencia e a Mesa do Parlamento para poder cumprir co seu labor de control ao Goberno do PP

Iago Tabarés
Iago Tabarés
Iago Tabarés denuncia unha nova manobra do Executivo de Rueda para restrinxir o acceso aos expedientes sobre contratos a dedo

O BNG solicitará o amparo da Presidencia e a Mesa do Parlamento para reclamar á Xunta do PP que respecte os dereitos dos seus deputados e deputadas no acceso á información e garanta así que poidan exercer co seu labor de control ao Executivo, para o que foron elixidos polos galegos e as galegos nas pasadas eleccións.

A petición responde a unha nova “manobra” do Executivo de Rueda para restrinxir o acceso aos expedientes sobre os contratos menores asinados polo Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Sanidade. Os deputados Luís Bará e Iago Tabarés presentáronse esta mañá nas dependencias do Sergas, onde foron citados, para examinar documentación que solicitaron previamente polas vías oficiais, máis finalmente non  se puxo á súa disposición a documentación requirida.

Segundo explica Tabarés, hai meses que o BNG, ao abeiro do artigo 9 do Regulamento da Cámara, solicitou a remisión ao Parlamento de Galiza de expedientes relativos á contratación de determinadas empresas pola vía de emerxencia, tanto do Sergas como da Consellería de Sanidade. No canto de remitir os expedientes -como é preceptivo- a Xunta do PP citou aos deputados ás dependencias administrativas para examinar a documentación relativa aos “contratos a dedo” da pandemia.  

“Unha vez nas dependencias do Sergas, en ningún momento se puxo á nosa disposición a documentación solicitada”, denuncia Tabarés, que critica que “unicamente, e en presenza e baixo o control do persoal directivo e do gabinete do conselleiro, podiamos ver na pantalla dun ordenador documentos determinados, o que foi dabondo para comprobar que non estaba toda a documentación solicitada”. Aclara, neste sentido, que en ningún caso o BNG reclamou informes con datos que afectasen á intimidade das persoas ou doutro tipo que xustificasen a restrición ou limitación na consulta dos expedientes.

“Unicamente é a falla de transparencia e a vontade obstrucionista do Partido Popular a que impide que os deputados e deputadas do BNG podan cumprir co seu deber de control da acción de goberno na xestión dos recursos públicos”, subliña o deputado, que lembra que o propio Consello de Contas fixo ver as “serias dúbidas” sobre a legalidade do proceder da Xunta respecto ás contratacións de emerxencia efectuadas pola Xunta como consecuencia da pandemia da covid 19.

O acontecido hoxe súmase ás trabas que xa ten posto anteriormente á transparencia sobre este asunto polo PP, que primeiro se negou a que unha entidade externa fixese unha auditoría sobre os contratos realizados “a dedo” durante a pandemia, e máis tarde vetou a creación dunha comisión de investigación, tal e como solicitou o BNG para por “luz e taquígrafos” sobre o uso dos cartos públicos dos galegos e as galegas.

Entre a documentación que o BNG ten solicitado figura a relacionada cos contratos de emerxencia asinados con Universal Support, na que ostenta importantes responsabilidades o irmán da parella do ex presidente da Xunta e hoxe líder do PP, Alberto Núñez Feijóo. Os contratos con esta empresa, sen relación co sector sanitario, chegaron aos 20 millóns de euros.      

O BNG reclamou tamén información sobre os contratos con Sibucu, que no ano 2020 levou un contrato de emerxencia por dous millóns de euros destinados á compra de máscaras. A Xunta deixou de contratar con esta empresa cando transcendeu que as máscaras que comercializaba carecían de certificado ou este era falso, se ben si asinou contratos con Moonoff, participada ao 100% por Sibucu.

Así mesmo, os deputados nacionalistas solicitaron documentación sobre os contratos con Mapé asesores, empresa coa que mediou Alberto González, compañeiro da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, investigado por presunta fraude fiscal.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG