A deputada e portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado, deu hoxe voz no Parlamento galego a unha proposta do Movemento Galego de Saúde Mental sobre a utilización da contención mecánica a doentes que reciben atención en centros sanitarios ou residenciais. Para a nacionalista é necesario avanzar na superación desta práctica e non debe nunha ser utilizada para “tapar a falta de recursos”. A contención mecánica, explicou, inmobiliza unha persoa con correas nunha cama, nalgunhas ocasións en condicións que non respectan os dereitos humanos.
Esta práctica, afirmou, “non é terapéutica” e a súa utilización é motivo de preocupación ante a insuficiencia de recursos nos dispositivos asistencias, carencia de profesionais, en particular en Psicoloxía Clínica ou psicoterapia. A presión social conseguiu que foran recoñecidas algunhas realidades e comezouse a traballar, “nove anos despois” criticou Prado, nun Plan de Saúde Mental.
A deputada asegurou que no País Valenciá, Andalucía, Madrid, Navarra, Principado de Asturias e Aragón, así como en países como Holanda, Finlandia, Islandia, Alemaña, Italia e Suecia, abordaron esta problemática sobre a que desenvolveron plans específicos.
Por outra parte, dixo, dende a Psiquiatría a contención mecánica é cuestionada e na actualidade valorada como “o punto final” do fracaso de medidas terapéuticas que non foron aplicadas con anterioridade. A contención mecánica “non é considerada unha elección profesional e menos aínda unha acción terapéutica, senón unha medida inevitable e para evitar un dano maior”, por iso é necesario que cumpra coas condicións adecuadas.
Non é a primeira vez que abordamos iniciativas nesta materia e mesmo a denuncia da existencia dun cuarto de uso mixto con tres camas para a contención simultánea, realizadas en ocasións por tempo prolongada na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica, do Hospital de Oza, pertencente ao Complexo Hospitalario da Coruña. Na actualidade, e despois de ser denunciada esta realidade reiteradamente polo Movemento Galego da Saúde Mental dende hai case tres anos, volve a ser motivo de preocupación pola súa persistencia e pola pasividade da Xerencia da EOXI da Coruña e da Consellería de Sanidade en poñer fin a unha situación que dana gravemente os dereitos das persoas alí ingresadas.
CONTENCIÓN MECÁNICA CON CARÁCTER EXCEPCIONAL, NON TERAPÉUTICO
Por todo o aquí exposto, dixo Prado, reclamamos adoptar as medidas necesarias e unha urxente acción do goberno sobre o coidado de persoas con discapacidade e a través da Consellería de Sanidade, Política Social e Vicepresidencia, revisar o funcionamento da atención á saúde mental dende a perspectiva da protección dos Dereitos Humanos. A contención mecánica debe ter “carácter excepcional” e aplicala baixo principios “de legalidade, necesidade, proporcionalidade e responsabilidade”.
A contención mecánica debe realizarse, reiterou a deputada, como medida de seguridade e non terapéutica, debe ser usada de maneira preventiva ante posibles riscos e nunca, “como castigo ou para suplir a carencia de medios, tratamentos ou coidados”.
Finalmente, a deputada tamén reclamou optar sempre pola mínima contención en tempo imprescindible, non de maneira conxunta con outras persoas ingresadas, e que en ningún caso as e os doentes permanezan espidos.
Montse Prado lamentou o voto en contra do portavoz popular, Núñez Centeno e criticou que , unha vez máis, o Partido popular segue na senda de “negar a realidade” da sanidade galega.