O colapso dos servizos de urxencia dos hospitais é un “problema estrutural” consecuencia dos recortes, en particular do desmantelamento progresivo da atención primaria, que se agudiza coa recente reforma da Lei de Saúde de Galiza aprobada en solitaria polo PP.
Un problema estrutural que, explicou a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, “non se soluciona con malos parches, senón cun cambio de rumbo”, que para o Bloque implica necesariamente a posta en marcha dun Plan de atención primaria que reverta todos os recortes, con recursos e persoal suficiente, que poña fin á taxa de reposición e dotando de medios e de profesionais ao que é a porta de entrada ao sistema de saúde pública.
Como non se van saturar as urxencias dos hospitais “se hai listas de espera de ata quince días nos PACs, listas de espera estruturais na atención primaria”, indicou Prado, tras denunciar a redución e a non substitución de profesionais, -3.000 menos desde a chegada de Feijóo-, que trae unha masificación das consultas. “Precisamos unha atención primaria resolutiva e con medios”, salientou, anunciando que o BNG presentará unha batería de medidas no Parlamento con estas demandas.
Cunha sanidade pública “afogada polos recortes”, Prado cualificou de “burla” a resposta inicial da Xunta, “que pouco menos que responsabilizaba aos doentes por enfermar por riba das súas posibilidades”, ironizou, o Bloque tamén cuestiona a proposta de Feijóo de colocar máis camas a costa de reducir o confort dos e das doentes.
“Tras proclamar o PP durante anos que as camas son importantes nos hoteis pero non nos hospitais, agora Feijóo propón colocar máis camas. Onde, pasando de tres a catro saturando as habitacións, colocando camas nos corredores, é así como pensa ampliar?”, interpelaba Prado, “un mal parche” cando o que se require “é un cambio na folla de ruta”.
A portavoz de Sanidade tamén chamou a atención sobre o feito de que este anuncio do xefe do Executivo contradí o que a Consellería de Sanidade anunciaba case de xeito simultáneo para o Complexo Hospitalario de Ourense, cunha redución de 55 camas, ao que se suma a perda de 800 camas nos centros hospitalarios ao longo dos últimos anos.
Prado tamén criticou a ausencia do conselleiro de Sanidade nestas xornadas de colapso nos servizos de urxencia, que tiveron a centos de persoas esperando durante horas nos corredores en padiolas ou en cadeiras, “unha situación tremenda que tamén están a soportar os e as profesionais cuxo traballo está suplindo en parte o caos vivido”.
“Espero que o Goberno rectifique e que non se limite a esperar a que pase o pico de gripe para que todo quede en nada, como se fose un chaparrón, porque estamos ante un problema estrutural que require medidas estruturais”, concluíu.