parlamento galego

BNG pide paralizar “cautelarmente” os parques eólicos e facer unha avaliación do impacto conxunto dos proxectos e non de cada parque por separado

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará afirma que “aínda estamos a tempo de parar a desfeita” que prepara o PP  na Serra de Suido e Alto Tea e apela a un modelo eólico, “galego, público, participativo, sustentable e respectuoso co medio ambiente”

O deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará demandou, a través dunha pregunta ao goberno, “paralizar cautelarmente” os parques eólicos da Serra do Suido e Alto Tea e unha avaliación do conxunto do proxecto e non de cada parque por separado.

Bará apelou a un modelo eólico , “galego, público, participativo, sustentable e respectuoso co medio ambiente” fronte ao modelo do Partido popular con megaparques como o do Suído e Alto Tea con   24 parques eólicos  en diferentes fases de tramitación. Na práctica, este proxecto, dixo, é “un claro exemplo” da  “devastación e invasión eólica” no noso país. Este modelo, remarcou o nacionalista, vulnera as normas e non mantén ningún respecto pola participación das  entidades locais e concellos. Para o deputado, o proceder do Partido popular está a provocar unha auténtica “insurrección social” á que se sumaron os acordos de diversos concellos gobernados polo  propio Partido popular como Curtis, Lalín, Oia ou a unanimidade no concello da Baña e o pronunciamento da  reserva da Biosfera das Mariñas reclamando a “paralización cautelar”  dos parques que afectan a este territorio.

Ademais, lembrou que o Observatorio eólico de Galiza que depende da Universidade de Vigo tamén criticou a implantación  “á forza” dos parques eólicos convertida “nun casino eólico” ao servizo dos intereses de grandes grupos especuladores e económicos avalados pola Xunta de Galiza.

24 parques amezan o medio ambiente e paisaxe de cinco concellos

A respecto do Suido, Bará explicou que os 24 parques eólicos afectan a cinco concellos, A lama, Fornelos,  Mondariz, Covelo e  Avión e cun grande impacto e ameaza para hábitats de interese  prioritario como as turbeiras, fundamentais contra o cambio climático, ademais de afectar a un área de  interese paisaxístico e mesmo a 53 brañas.

O BNG estuda  emprender accións legais

Fronte a política de “feitos consumados do Partido popular”, o BNG seguirá facendo fronte “ao abuso” e defendendo  o Suido e a toda Galiza. O deputado afirmou que “aínda estamos a tempo de parar esta desfeita” e si o Partido popular persiste en seguir coa súa política “de arrase”, o BNG acudirá, ao igual que están facendo moitos colectivos sociais , á vía xudicial  para  tirar, dunha vez por todas, a “careta da Xunta do Partido popular” con sentenzas como as do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que confirman “o grande baleiro legal en materia ambiental” no que se amparan  as empresas enerxéticas para levar adiante os seus proxectos.

O plan da Xunta non é un modelo  eólico, “é un modelo diabólico e devastador” ademais  dun “grande pelotazo” que o BNG seguirá denunciando “por mar, aire e terra”, anunciou  o nacionalista.

Tras a resposta do conselleiro e vicepresidente segundo, Francisco Conde que acusou   ao BNG de ir en contra do desenvolvemento económico galego, Bará respondeu que os únicos que van en contra de Galiza é o PP. “Son vostedes os  que non cumpren a lei” e isto non o di o BNG, o di o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. O TSXG chama “agresores” ás empresas e a vostedes  e están poñendo a todo o mundo en contra. “Lalín pide unha moratoria eólica ante unha presión insostible de novos parques, Curtis apoia as protestas veciñais para exixir a supresión dos parques eólicos, a reserva de Biosfera das Mariñas tamén pide unha moratoria, o PP da Baña,  de Oia, e de Covelo tamén se pronunciaron en contra e  vostedes mentres tanto, afirmou o nacionalista,  continúan apoiando “aos depredadores”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG