O BNG reclama novas medidas para inverter as cifras de delitos no ámbito da violencia sobre a muller e a liberdade e integridade sexual, deter a “interesada alarma social” xerada fronte aos delitos de ocupación de vivenda e unha aposta decidida por unha xustiza restaurativa coa vítima como eixe central e que sexa concibida dende a reeducación social da persoa delincuente. Así o manifesta o deputado Iago Tabarés logo de coñecer os datos contidos na memoria 2019 da Fiscalía Superior de Galiza presentada no Parlamento polo fiscal superior, Fernando Suanzes.
O deputado por Ourense amosa a preocupación do BNG polo incremento das cifras na área de violencia de xénero, con máis de 6.000 delitos incoados, e nos que non se inclúen ademais os delitos de agresións sexuais, abusos sexuais ou acoso sexual que, segundo alerta, medran máis dun 30%. Ao seu xuízo, a evolución dos datos esixe a adopción de novas medidas e, neste sentido, apunta no ámbito concreto da xustiza á inexistencia de xulgados exclusivos de violencia sobre a muller, á posibilidade da comarcalización ou a que se poidan concentrar nun mesmo xulgado todos os asuntos relativos a violencia sobre a muller, doméstica ou contra a liberdade sexual.
Tabarés advirte que, curiosamente, o número de delitos incoados por violencia de xénero representa “45 veces o total das ocupacións de vivenda que tanto alarman ao PP” e, por iso, pide á Fiscalía Superior que aclare se todos allanamentos de morada son ocupacións e se todos os delitos de usurpación o son de vivenda. “Pedimos esta aclaración para non incrementar a alarma social interesadamente creada, porque as cifras que divulga o PP son interesadamente confusas”, subliña.
Para o deputado nacionalista, cumpre non esquecer que a problemática da vivenda non vén dada pola denominada ocupación, senón polo feito de que 470.000 galegas e galegos viven en situación de exclusión social. Segundo explica, a ausencia de vivenda digna é o primeiro factor de exclusión social que, en moitos casos, impide mesmo o exercicio de dereitos fundamentais, polo que considera preciso “abandonar esta alarma social e a defensa dos intereses de grupos inmobiliarios e atender ás maiorías sociais”.
Por último, Tabarés tamén destaca a necesidade de apostar decididamente por unha xustiza restaurativa na que, por unha banda, prime a consideración da vítima, mitigando os efectos do delito, e por outra, contemple a reinserción e a reeducación social da persoa penada. Sobre este proceso advirte certo retroceso e, neste sentido, sinala entre outras áreas á mediación penal ou á mediación familiar intraxudicial.