O BNG pide investigar os fondos públicos da Fundación Camilo José Cela

Ana Pontón asegurou que existen claros indicios de “ilegalidade” na concesión das axudas á Fundación e pide a Xunta que a desvincule do sector público

Rolda de prensa de Ana Pontón

A deputada do BNG, Ana Pontón presentou hoxe, en sede parlamentar, a iniciativa que será debatida no vindeiro pleno na que reclama “investigar os fondos públicos da Fundación Camilo José Cela e desvincular a Fundación do sector público por carecer de utilidade pública real”.

Pontón remarcou que o BNG denunciou en reiteradas ocasións “un desfalco de fondos públicos” e un “trato de favor do Partido popular”. Neste sentido, asegurou que canta menor relevancia ten esta fundación, máis cartos públicos recibiu.

Ilegalidade na concesión de subvencións

Pontón sinalou que a propia intervención xurídica da Xunta amosou reparos na sinatura do convenio no ano 2010 ao e facturas presentadas que non se cinguían convenio. Analizando a legalidade vixente, afirmou Pontón , “temos moitas dúbidas” sobre esta cuestión, porque a lei de subvencións de Galiza impide conceder axudas ás entidades con débedas coa Seguridade social ou administracións públicas e no caso da Fundación Camilo José Cela existían esas débedas coa Seguridade Social e a Xunta, a pesar de coñecer esta circunstancia, “destinou medio millón de euros no ano 2010”.

A deputada recalcou que a Fundación tivo un trato de privilexio ao recibir dende o ano 2007 “máis tres millóns de euros de recursos públicos”. Ao noso entender, a Xunta segue confundindo “manter o legado dun escritor co mantemento de intereses escuros dunha Fundación que nos últimos anos se caracterizou polos escándalos e situacións vergonzantes.”

Ana Pontón

No ano 2005, explicou a parlamentaria, a Fundación recibiu 12.000 visitantes, cifra “modesta” que se reduciu a 3.000 no ano 2012.Para a nacionalista, “os escándalos e deriva” da Fundación Cela tamén afectan a outras institucións como o Consello de Contas no que continua no seu cargo Dositeo Rodríguez investigado na actualidade por malversación de fondos públicos cando formaba parte da Fundación. Resulta evidente que un destacado militante do PP, conselleiro con Manuel Fraga e cabeza de lista do Partido popular na capital de Galiza e imputado por malversación continúe no Consello de Contas, pon en cuestión ao propio organismo e resulta un “ simulacro da rexeneración democrática” que vende Núñez Feijóo.

O BNG pide unha investigación a fondo

A nacionalista cualificou de “escandaloso” que con fondos públicos fora financiado o despido do xerente con 150.000, pagaramos créditos hipotecarios da Fundación, financiaramos viaxes dos membros do patronato, incluída a propia Marina Castaño, e fora abonado o litixio do fillo de Camilo José Cela pola herdanza polo que reclamamos “unha investigación”.3

Coxíns de Damasco de veludo, butacas de bambú, flores e unha mesa de máis 1.000 euros foron pagados con cartos destinados a cultura

Con cartos públicos, afirmou Pontón, foron pagadas as flores do cemiterio, os actos litúrxicos nos aniversarios de Camilo José Cela e xustificados con cartos destinados a cultura, a compra de “dúas butacas de bambú negras, dos coxíns de Damasco de veludo e unha mesa por valor de máis de 1.000 euros” nunha tenda de Madrid.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG