O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento Europeo para reclamar que a Comisión Europea investigue a denuncia efectuada pola dirección da Europol na que se afirma que hai máis de 10.000 nenas e nenos refuxiados en paradeiro descoñecido en Europa, probables vítimas de mafias que trafican con seres humanos.
Non podemos ser alleos a tanta dor, proclama a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda. Europa ten que rebelarse diante da explotación e non podemos calar ao ver como a vida non vale cando se trata de persoas que foxen da explotación, da pobreza, das guerras e da persecución, critica.
O BNG denuncia a caótica e inhumana xestión da crise migratoria que está realizando a Unión Europea, incapaz de poñer en marcha unha política coordinada de acollida e protección dos refuxiados e refuxiadas que chegan a territorio europeo, -26.000 deles menores segundo os datos de Save de Children-, e incapaz igualmente de promover unha política internacional pacifista.
Miranda chama especialmente a atención sobre as mortes de nenos e nenas afogados no mar ou mesmo por conxelación, mentres as autoridades comunitarias son incapaces de ir máis aló da cháchara baleira de declaracións e contradeclaracións, de xuntanza en xuntanza, mentres seres humanos morren diante das nosas caras retransmitido a través dos medios de comunicación.
A UE non está ofrecendo nen asistencia, nen protección nen amparo diante desta grave situación humanitaria, e mesmo ousa anunciar que vai perseguir as accións de axuda que non estea coordinada, denuncia Miranda, e demanda unha política de acollida coordinada e responsable onde o primeiro sexan as persoas expulsadas dos seus países pola guerra, pola miseria ou por calquera tipo de violencia.