A deputada do BNG, Noa Presas preguntou ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo sobre a programación da Televisión de Galicia con subtítulos ou linguaxe de signos e as medidas que está a adoptar o ente para garantir o acceso aos contidos audiovisuais das persoas con discapacidade.
Tras a intervención de Sánchez Izquierdo , a deputada do BNG acusou á dirección da CRTVG dunha liña informativa de “monocultivo da axenda de Feixóo e ausencia do pluralismo político”. A CRTVG, recalou, “está en eleccións os 365 días do ano”.
No debate da pregunta parlamentaria, a nacionalista botou man da resposta do 12 de xuño de 2018 na que a RTVG asumía o compromiso de “aumentar a programación con lingua de signos”, produto dun acordo coa consellería de Política social e despois dun ano e sabendo que o BNG traería hoxe á comisión esta pregunta, nos anuncia a sinatura do convenio. ”Benvido sexa o acordo pero non deixa de poñer de relevo a súa falta de compromiso” e para mostra, as cifras que acaba de facer públicas, “208 horas no global de 2018 e cun nivel similar no 2019”, máis ou menos, “catro horas á semana”, medida que cualificou “insuficiente” ante as demandas do colectivo.
A subtitulaxe debería estar xa no 75% e a linguaxe de signos continúa na franxa do medio día cando as persoas afectadas demandan estar informadas tamén pola maña e no serán. Parécenos unha boa noticia a incorporación da lingua de signos na franxa do serán polo que reclamou ao director da CRTVG “un compromiso para incluíla na mañá”, antes de que remate o semestre.
Nas universidades, explicou Presas, contamos con programas avanzados sobre recoñecemento de voz e lingüística computacional, “pidan colaboración” porque existen instrumentos pero falta “vontade política”.
No relativo ás dificultades internas, a deputada reiterou que si é preciso unha categoría profesional deberían, despois de tantos anos, tomar conciencia para resolver esta circunstancia. “Pisen o acelerador para avanzar na subtitulaxe e na lingua de signos”.
A deputada volveu trasladar a solidariedade e apoio do BNG aos traballadores e traballadoras da CRTVG que esta semana enfrontan o seu “76 venres negro” en defensa dunha radio e televisión públicas plurais e sen censura informativa.