O deputado do BNG, Xosé Luis Rivas defendeu hoxe, a través dunha pregunta parlamentaria, medidas de impulso para as maceiras autóctonas co fin de revalorizar as mazas galegas. Afirmou que o apoio institucional ao produto galego incidiría na “creación de postos de traballo” e presenza de Galiza nun mercado cada vez máis a alza e monopolizado por mazás foráneas.
Para o deputado é necesario reforzar o sector hortofrutícola galego con especies autóctonas polo que preguntou ao goberno se prevé un plan de medidas encamiñadas a implementar e apoiar decididamente a recuperación das variedades de froita galega, nomeadamente das mazás, coma alternativa de cultivo e de actividade económica no medio rural.
Na súa intervención, tamén preguntou se a Consellería de Medio Rural considera a posibilidade de abrir unha liña de axudas a novas incorporacións á actividade hortofrutícola galega.
Pola súa parte, o director Xeral de Gandería e Agricultura, José Balseiros coincidiu co nacionalista na necesidade de impulsar o sector implementando medidas para reforzalo aínda que apuntou problemas nos bancos de sementes. Nesta liña, o nacionalista lembrou que os bancos de sementes estiveron abandonados por Medio Rural e só custodiados por voluntarios.
O deputado explicou que as maceiras ou calquera tipo de frutal son de tipo estándar e xerados en viveiros procedentes de Lleida e ou en Valencia e Portugal como no caso dos cítricos, polo que pediu á Consellería de Medio Rural “protexer as maceiras e pereiras galegas” como principal medida así como implantar liñas de apoio para que calquera persoa nunha feira pode mercar “unha maceira camoesa, de sangre de Touro ou unha maceira de San Antón”.
“Si as maceiras galegas están no mercado significa que lle damos valor” porque neste momento estamos a mercar mazás golden ou mazás estarqui, mazás de fora e neste sentido propuxo realizar unha prospección de mercado para que o produto galego ocupe o seu lugar.
“Non pedimos medidas de dirixismo”, recalcou Rivas. Dende o BNG, pedimos medidas de “reactivación” porque ninguén plantará maceiras, pereiras ou ameixeiras autóctonas se non se pode vender ou consumir o produto, concluíu.