O BNG pide a Feijóo que non se escude na Fiscalía e tome medidas políticas no caso Baltar

A deputada afirmou que non lle merece “credibilidade “ unha Fiscalía que durante vinte anos non se  pronunciou sobre os enchufes do pai, “ata que o PP quixo desfacerse del”.

 A deputada do BNG, Tereixa Paz pediu hoxe ao Presidente da Xunta “non escudarse” na decisión da Fiscalía de arquivar a denuncia contra o Presidente da Deputación de Ourense acusado de ofrecer un posto de traballo a unha muller a cambio de relacións sexuais.

A parlamentaria manifestou que durante vinte anos, o BNG denunciou ante a Fiscalía ao anterior titular da Deputación de Ourense, José Luís Baltar por “utilizar a institución para enchufar” e a Fiscalía “ata que non lle conveu ao Partido popular cargarse ao Sr. Baltar, non dixo nada”. Polo tanto, afirmou a nacionalista, a “Fiscalía instrumentalizada polo Partido popular e a deste fiscal en concreto relacionado co Hipódromo de Vilamarín da Deputación Provincial de Ourense, non me merece ningunha credibilidade” .

Dende o principio, explicou, manifestei que non estou aquí para facer un xuízo penal porque a miña obriga é facer “un xuízo político” e sigo manténdoo, “ o Sr. José Manuel Baltar é un corrupto que non merece estar ao fronte dunha institución”. A parlamentaria asegurou que dende o punto de vista ético, a actitude de Baltar contra a muller denunciante “inhabilítao para permanecer un só segundo na vida pública”.

A parlamentaria defendeu unha Proposición non de lei na que reclamaba abrir unha investigación por incumprir a Lei galega de violencia de xénero e exixir “o cese inmediato” de José Manuel Baltar, iniciativa que foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

Intervención de Tereixa Paz

Tras a intervención da portavoz popular, Paula Prado que tentou xustificar o respecto desta forza forza política polo proceso penal, a nacionalista reiterou que “ofrecer un posto de traballo a cambio de sexo” ademais dun claro caso de “corrupción” pola utilización de recursos públicos en interese particular, constitúe “un atentado contra a liberade sexual da vítima”.

Finamente, Tereixa Paz reiterou que os feitos non foron negados polo Sr. Baltar o que motivou a dimisión en bloque da Comisión Ética da Deputación de Ourense, “aquí xa dimitiu todo o mundo, só falta que dimita o acosador”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG