O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini), rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego para preguntar ao goberno e a AGADER polos criterios e baremación dos expedientes tratados pola Xunta Directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ulla-Tambre-Mandeo o pasado 27 de xullo e concretamente o referido á rehabilitación da antiga Casa Reitoral de Santo Estevo de Vilamor, no concello de Toques no que resultou beneficiaria a actual portavoz do Partido popular, ex-alcaldesa de Melide e membro da propia directiva do GDR.
O deputado denuncia o proceder da directiva do Grupo de Desenvolvemento rural, “integrada na súa totalidade por membros do Partido popular” na concesión dunha axuda de 177.643€ á secretaria para establecer unha pensión con seis novas prazas de aloxamento e servizos complementarios de bicicletas de aluguer, piscina e un espazo de exposición e comercialización de produtos agroalimentarios do territorio e produción ecolóxica... cun orzamento de 381.249,24 euros e 177.643,08 euros de subvención.
O deputado recalca que a axuda concedida e o proxecto xeraron unha especial alarma e polémica na comarca por ser a titular e beneficiaria da axuda “non produtiva”, a actual voceira do PP , ex-alcaldesa de Melide e secretaria do GDR que concede a axuda.
Ante esta situación o BNG pregunta no Parlamento polos criterios na concesión da subvención e a postura da Xunta e AGADER sobre a axuda concedida a unha destacada militante do Partido popular en Melide e membro da directiva do GDR.