O BNG, ante a grave emerxencia sanitaria que está sufrindo a sociedade, preguntou no Congreso que levou ao Ministerio de Defensa a denegar a cesión do antigo Hospital Militar da Escola Naval de Marín ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS) para a súa utilización en caso de que se viran desbordados os servizos da área sanitaria de Pontevedra. Esta pregunta formúlase logo de que o SERGAS solicitara formalmente, segundo informacións públicas, ao Ministerio de Defensa o uso das instalacións do antigo hospital, para o caso de que fora necesario habilitar máis camas por saturación do sistema sanitario na área de Pontevedra.
Néstor Rego pediu explicacións ao Ministerio de Defensa para saber se considera máis necesario manter esa instalación como hotel, residencia ou balneario de uso por militares que dedicalo ao servizo público como hospital dentro da crise do COVID-19. Unhas instalacións que se destinan a residencia de uso por vacacións dos suboficiais, pero o edificio non sufriu ningún tipo de alteración, sendo a súa estrutura e dependencias as máis idóneas para poder destinalo a un uso hospitalario de ser necesario.
O BNG non comprende a falta de colaboración por parte do Ministerio de Defensa ante a situación de grave pandemia que está a sufrir toda a sociedade. Unha vez máis, se lles dá as costas ás necesidades cidadás negándose a poñer as súas instalacións ao servizo das autoridades sanitarias galegas. Lembran os nacionalistas, que “esta instalación hospitalaria xa foi solicitada para incluírse dentro do SERGAS como instalación sanitaria que dera servizo a Marín e a súa zona de influencia, pero a pesar de que naquel momento aínda non estaba en funcionamento o Centro de Saúde desta localidade, a resposta foi tamén negativa naquela ocasión”. En cambio, Defensa optou por destinar ese edificio a hotel de luxo para uso interno militar de forma exclusiva a un prezo subvencionado. Dedicando as súas instalacións ou terreos a usos lucrativos antes que destinalos a un servizo básico esencial como é a saúde pública.