O BNG pide o Debate de Política Xeral de imediato

Os parlamentares do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila e Francisco Jorquera, subscribiron a proposición conxunta presentada por practicamente todo o arco parlamentar da oposición na que instan ao Goberno a “remitir de imediato a comunicación relativa á celebración do debate anual de política xeral, habilitando as sesións estraordinarias que sexan necesarias para a súa tramitación”.

O Goberno de Rajoy anunciou en días previos que non tiña intención de convoca resta importante cita política neste ano, e que o seguinte debate destas características xa tería lugar no 2013.

O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, foi dos primeiros en manifestar o malestar e a oposición do BNG a esta decisión “insólita en momento de grave preocupación económica”. No debate do Tratado de Estabilidade celebrado no pleno de onte, Jorquera pediu a Rajoy que “non fuxa do Parlamento, que acuda á Cámara a dar conta da situación, a explicar aos grupos e á sociedade as condicións do resgate, as medidas que vai adoptar en meses próximos e outras moitas cuestións que teñen relación co grave contexto económico”.

Jorquera considera que non “é o momento de eludir as explicacións á Cámara e á sociedade, hai moitos cabos soltos e moitos interrogantes dos que o Presidente do Goberno debe informar. Non se poden anunciar proxectos de lei de transparencia e demostrar no día a día unha constante falla de transparencia, de ausencia de información e de ocultación de dados”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG