A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou esta mañá a comparecencia do Ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, na Comisión de Igualdade para que dea conta das afirmacións realizada a un diario sobre os supostos para poder interrumpir o embarazo.
Gallardón afirmou que a malformación do feto non xustifica poder abortar, e que procederá a revisar o suposto de anomalías fetais.
Voltarán a criminalizar ás mulleres
A deputada do BNG quer que o Ministro acuda ao Parlamento a dar explicacións e a aclarar dunha vez en que vai consistir a tan anunciada reforma da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva que vai facer en outono. Davila reprochou ao Ministro esta entrega por capítulos do que vai facer cunha lei consensuada, necesaria e que da garantías xurídicas e sanitarias ás mulleres.
A parlamentar nacionalista acusou ao PP de facer o posíbel por voltar aos tempos de criminalización das mulleres e tratalas como delincuentes e negarlles o dereito a decidir.
Para Davila tanto Gallardón como o Goberno de Rajoy nos queren levar a un tempo de involución propio do pasado, involución social, económica e ideolóxica que non é de estranar que a nivel internacional levante as sospeitas de todo o mundo. Un Goberno do que non se fía ninguén.
A cruzada ideolóxica de Gallardón é vergoñenta, propia dunha dereita ultra católica desnortada e aferrada a outros tempos.