parlamento galego

O BNG pide a comparecencia do conselleiro de Sanidade para explicar a 3ª vaga COVID e o plan de vacinación

Montse Prado
Montse Prado
Montserrat Prado reclama medidas para evitar o colapso sanitario ante a coincidencia do incremento de contaxios coa campaña de inmunización    

O BNG pedirá a comparecencia do conselleiro de Sanidade no Parlamento galego para dar conta da evolución da pandemia -ante a que considera “evidente terceira onda de contaxios COVID”- e da estratexia de vacinación que, segundo recalca, “debería ser unha peza clave para evitar a transmisión”.

Nunha batería de iniciativas presentada na Cámara pola deputada Montserrat Prado, a formación nacionalista advirte da preocupante evolución dos indicadores epidemiolóxicos, cunha taxa de positividade media próxima ao 10%, unha incidencia acumulada por 100.000 habitantes de 223 e varias xornadas superando os 600 contaxios diarios, co correspondente aumento da presión asistencial.

“Un repunte de contaxios que todo indica aínda non está reflectindo os efectos da relaxación das restricións aprobada pola Xunta nas festas de Nadal” e ao que hai que engadir a preocupación pola constatación da existencia en Galiza de positivos ligados á denominada cepa británica, subliña a portavoz de Sanidade. De igual xeito, incide na coincidencia desta terceira onda de contaxios coa campaña de vacinación, da que recalca estase desenvolvendo “con bastante máis lentitude do que se tiña anunciado”, amosando un ritmo de inmunización moi por debaixo do planificado.

Prado tamén alerta de que o número de doses que está recibindo Galiza é porcentualmente dos máis baixos tanto por poboación como por persoas maiores e que tanto os atrasos na vacinación como a velocidade da nova onda de contaxios está a xerar inquedanza e preocupación no conxunto da cidadanía e no persoal sanitario, especialmente de Atención Primaria. “Unha Atención Primaria que se mantén asfixiada ao ter que atender todas as patoloxías ordinarias, a detección de novos casos, petición de PCRS, seguimento das e dos doentes nos seus domicilios e, agora, a campaña de vacinación”, asegura.

Ante o que considera unha nova mostra de “opacidade” e falta de información por parte do Goberno de Feixóo, a deputada nacionalista pedirá entre outras cuestións ao titular de Sanidade no Parlamento que relacione as medidas que está a tomar a Xunta para frear a terceira onda e aquelas outras que, ante a súa coincidencia no tempo coa campaña de vacinación, permitan evitar o colapso do sistema sanitario galego.

Neste sentido reclama que especifique o número de profesionais cos que se está a reforzar a Atención Primaria para levar a cabo a campaña e, sobre a vacina en concreto, a cuantificación de doses de Pfizer recibidas do Estado (concretando as destinadas ao colectivo de persoas maiores, tendo en conta que este representa o 25% da poboación galega), as doses do laboratorio Moderna previstas para Galiza e en que prazos se recibirán e a previsión de inmunización da poboación galega ao ritmo actual de vacinación.  
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG