O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou unha iniciativa parlamentar no Congreso na que reclama ao Goberno que se dirixa á Federación Estatal de Piragüismo para que cambie de actitude e adopte o diálogo, a negociación e o respecto a autonomía das federacións autonómicas, en concreto da Federación Galega, na elaboración dos estatutos para que sexan democráticos e integradores.
O deputado do BNG fai un repaso á lei e á normativa estabelecida en canto ás competencias das federacións deportivas, ficando clara a autonomía das autonómicas en moitos eidos.
Nesa liña, Néstor Rego comeza por explicar que entre as funcións do Consello Superior de Deportes está a de autorizar a creación das federacións deportivas, así como acordar, no seu caso, a súa extinción, ratificar os seus estatutos e regulamentos previstos na lei vixente ou autorizar a súa adhesión ás correspondentes federacións deportivas internacionais. Ademais, o artigo 46 da Lei 39/2022, de 30 de decembro, estabelece o contido mínimo dos estatutos das federacións deportivas españolas e que deberá ser controlado polo Consello Superior de Deporte.
A lei fala claro: a integración da federación autonómica na federación española implica a asunción da representatividade no seu territorio
No artigo 48 da norma recóllese que os estatutos das federacións españolas incluirán os sistemas de integración e representatividade das federacións deportivas de ámbito autonómico. E moi importante, subliña Rego, pois neste regúlase que a integración da federación autonómica na correspondente federación española implica a asunción da representación desta no seu respectivo ámbito territorial, “non é unha mera delegación. De feito, a lei non exixe suprimir a súa autonomía para a organización de eventos, xestión e elección de cargos directivos.
Unicamente cando non exista federación autonómica ou non estea integrada, a federación española correspondente poderá estabelecer unha delegación para desenvolver a actividade estatal ou para as competicións estatais. Porén, debe garantirse que as federacións deportivas autonómicas poidan desenvolver nos seus territorios as actividades propias, nomeadamente a promoción, desenvolvemento e organización de competicións e actividades deportivas de todas as modalidades.
A Federación Estatal pretende “unha inadmisíbel subordinación das autonómicas”
Alén disto, Rego debe facerse un acordo de integración que será ratificado polo Consello Superior de Deportes. “Xusto neste proceso encóntrase neste momento a Federación Estatal de Piragüismo, que inclúe a redacción duns novos Estatutos para adaptalos á nova lei. Mais o que está a facer a Federación Estatal é, segundo trasladan distintas federacións, aproveitar para realizar a integración das Federacións autonómicas directamente, sen previa negociación”, denuncia. Rego traslada ao Executivo a queixa da Federación Galega por como se está a levar o proceso e reclamar respecto a autonomía e autoorganización das federacións autonómicas.
Defensa da autoxestión da Federación Galega
Advirte o BNG, recollendo a testemuña da Federación Galega, que nos estatutos propostos preténdese “unha subordinación das federacións autonómicas á estatal”. Critican a falta de negociación e diálogo que está a caracterizar á Federación Estatal, segundo denuncian as federacións autonómicas, tratando de impoñer uns estatutos. Reclaman unha relación de coordinación e frear a intención de estabelecer unha xerarquía na que a estatal impoña decisións, elixa ou depoña cargos. Defenden manter a capacidade de autoxestión.