BNG parabeniza o pobo curdo polos resultados do Partido Democrático do Pobo (HDP)

Foto @xmriel

Foto @xmrielO Bloque Nacionalista Galego (BNG) quere manifestar publicamente a alegría polo resultado electoral nas eleccións de onte en Turquía do Partido Democrático do Pobo (HDP). Entendemos que, no actual contexto de violencia e de fraude, supón un éxito rotundo superar a barreira de 10% no conxunto de Turquía e, por tanto, manterse como terceira forza no Parlamento turco.

Queremos denunciar a falta de garantías democráticas dun proceso electoral que tiña por obxectivo non só forzar a maioría absoluta do islamista AKP senón tamén eliminar a representación democrática e soberana do pobo curdo. Cabe lembrar que o pasado 10 de outubro un atentado contra unha manifestación en defensa da Paz provocou 97 vítimas mortais en Ankara. A propia OSCE (Organización para a Cooperación e a Seguranza en Europa) criticou o cadro de violencia en que estas eleccións foron realizadas.

Con todo, a fraude e o terror non deron conseguido todos os seus obxectivos. O HDP supera a antidemocrática exixencia de 10% e os resultados ratifican a posición de abrumadora maioría no Curdistán como a expresión da vontade do pobo curdo de ver respectados os seus dereitos colectivos e de ser libre e soberano. Como forza política patriótica que loita pola soberanía da Galiza, non podemos máis que ser plenamente solidarios com todos os pobos que fan súa a causa da liberdade. Nese sentido, parabenizamos o HDP e o pobo curdo, aos que enviamos saudacións fraternais e solidarias da Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG