BNG organiza unha conferencia na Eurocámara sobre o 20 aniversario da catástrofe do Prestige

Manifestación Nunca Máis
Manifestación Nunca Máis
Ana Miranda: “É fundamental analizar que pasos se deron en seguridade marítima para que non volva acontecer outro accidente similar porque a xestión do PP foi un desastre”

O Parlamento Europeo acollerá o vindeiro 16 de novembro a conferencia “20 anos do accidente do Prestige: análise da seguridade marítima en Europa”, organizada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda. “Queremos analizar que pasos se deron na mellora da seguridade marítima nestes vinte anos e que medidas faltan aínda por tomar para evitar outra catástrofe como a do Prestige”, explica a eurodeputada nacionalista, xa que considera que a xestión levada a cabo polo PP foi un “auténtico desastre”.

A conferencia, que será inaugurada pola eurodeputada Karima Delli, presidenta da Comisión de Transporte do Parlamento Europeo, analizará o accidente do Prestige e as súas consecuencias na costa galega. Estes efectos en Galiza serán tratados na primeira parte da conferencia, que contará coa participación do xornalista Xosé Manuel Pereiro, representantes do movemento Nunca Máis, como Adela Figueroa, Xurxo Souto e o escritor Suso de Toro, así como representantes do sector pesqueiro e marisqueiro afectados.

Ana Miranda lembra que precisamente nese momento o eurodeputado do BNG, Camilo Nogueira, quen tamén asistirá a Bruxelas -a través do grupo Verdes-ALE-, impulsou a creación do Comité Temporal Especial sobre seguridade marítima en Europa tras a Resolución do Parlamento Europeo de 19 de decembre de 2002 relativa á acción para facer fronte aos efectos do desastre ecolóxico e económico do Prestige, así como as investigacións sobre as súas causas e as súas consecuencias. A resolución do Parlamento Europeo foi adoptada o 8 de xullo de 2003 e nela pídense diversas medidas para previr outro accidente similar ao do Prestige en augas europeas.

En consecuencia, para analizar a evolución da seguridade marítima europea dende o punto de vista europeo nestes vinte anos, intervirá tamén un representante da Axencia de Seguridade Marítima Europea (EMSA), así como Jacob Terling, representante da Unidade Seguridade Marítima da Dirección Xeral de Transporte da Comisión Europea.

Outros casos de contaminación mariña en Europa

Por outro lado, na xornada de traballo non só se analizará a repercusión que tivo en Galiza o afundimento do Prestige, senón tamén se abordarán outros casos de contaminación mariña en Europa, como é o caso do Erika nas costas de Bretaña. Así, na conferencia, intervirán a eurodeputada de Europe Écologie Marie Toussaint, o exvicepresidente da Asociación “Merci Erika” de Bretaña, Alain Bonnec; o representante do FNP Partido Frisio dos Países Baixos, Frank de Boer; e o co Presidente de la asociación ZEA de Francia, Jean-Ronan Le Pen.

“É imprescindible analizar que pasos se deron para que non volva acontecer outra catástrofe similar á do Prestige”, subliña Ana Miranda, quen lembra que aínda que o epicentro do verquido das 77.000 toneladas de fuel foi na costa galega, a súa extensión comprendeu desde a costa portuguesa á francesa

 

20_anos_prestige


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG