O BNG opónse á Lei de Montes por ser centralista e impedir a GZ facer unha política forestal propia

ESCALINATA MONTES 013A portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, expresou no pleno o rexeitamento do BNG ao proxecto de lei de Montes e defendeu a emenda á totalidade do BNG a esta lei por aprofundar nunha planificación de deseño e visión centralista.

A deputada do BNG censurou o carácter centralista da lei que “limita e condiciona a aprobación e posta en marcha de políticas de planificación, xestión e aproveitamento dos recursos forestais propios en cada territorio. As CC.AA só participan ou son tidas en conta”. Opúxose ao modelo de planificación estatal “cando cada territorio ten as súas realidades forestais”.

Supón, enfatizou Davila, “a imposición dun modelo forestal uniformizador que dificultará a súa adaptación en determinados territorios, o que provocará conflitos sobre os aproveitamentos e usos do monte”. Lembrou que Galiza padeceu “unha agresiva política forestal pola implantación dun modelo alleo aos seus intereses”. Unha política forestal que “foi deseñada inicialmente polo réxime dictatorial, e que tivo continuidade no réxime constitucional”.

Criticou “a idea unitaria sobre a gobernanza forestal deste proxecto” e “o control da Administración Xeral do Estado”. Davila demandou a ordenación e planificación dos terreos forestais desde as administracións cercanas que son as CC.AA. “Son as Comunidades Autónomas as que poden decidir cal é o modelo máis idóneo de aproveitamento e usos dos seus montes”.

Acusou ao PP de “transportar modelos e necesidades duns territorios a outros, convirtindo esa estratexia nunha importación foránea de política forestal como lle sucedeu a Galiza durante décadas”.

Determinar os usos dos terreos queimados debería estar en máns das CC.AA

Criticou que se deixe a porta aberta a que se elimine “a prohibición de recalificación de terreos queimados durante un periodo de trinta anos cando en determinadas CC.AA como Galiza hai unha especial incidencia e preocupación pola actividade incendiaria en montes”. Davila afirmou que “determinar os usos dos terreos queimados debería ser unha faculdade reservada ás CC.AA”.

Vai en contra das funcións dos axentes forestais

Puxo en cuestión a incorporación de normativa sobre os axentes medioambientais, e recriminou ao PP que non o comunicase aos seus representantes nin tampouco ás CC.AA. Acusou ao PP de estabelecer “drásticas medidas en contra destes funcionarios públicos, o que supón practicamente a supresión da súa autonomía de actuación no exercicio das súas funcións de policía xudicial xenérica, incluso privándolles da posibilidade de realizar un simple atestado”. Salientou que o texto incorre nunha regulación incompleta xeradora de inseguridade xurídica e en graves contradicións coa normativa procesal penal contida na vixente Lei de Enxuizamento Criminal”.

“Dase preponderancia á Estratexia Forestal Española que subordina a política forestal das CC.AA. Reforzada ademáis, pola regulación do Plan Forestal español cuxo instrumento de desenvolvemento superpónse aos proprios plans que elaboren as as CC.AA en materia forestal”, sinalou.

Tamén criticou outros aspeitos como a eliminación da necesidade de contar con plans de xestión nos montes privados e públicos non catalogados ou regular a caza nunha lei que non lle corresponde son tamén “razóns para peder a súa devolución”.

Rematou a súa intervención instando ao PP a reflexionar e a mellorar o texto no proceso de tramitación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG