A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, na súa intervención no debate sobre o informe “Produto paneuropeo de pensións individuais”, expresou a oposición do Bloque á creación dun sistema de pensións privado que ao seu xuízo só beneficiaría as rendas máis altas e suporá unha perda de ingresos públicos que se poderían destinar a outras políticas sociais, como a creación de emprego, a axuda aos máis desfavorecidos e tamén á dependencia. “Este produto ten o meu voto en contra e o da organización que aquí represento”, salientou.
A eurodeputada galega salientou que o Parlamento Europeo non dispón de competencias en materia tributaria, polo que destacou que este produto “agocha de novo unha trampa”. “Despois de teren sufrido numerosos recortes pola imposición da decisión da Troika e polas sucesivas reformas que tivemos en materia de pensións, particularmente promovidas polo PP, os nosos pensionistas teñen os seus dereitos mermados e non saberemos se as futuras xeracións terán pensións”, explicou.
Ana Miranda sinalou que ao longo desta semana as deputadas e deputados europeos recibiron máis de 20.000 correos de pensionistas, particularmente do Estado español “pedindo que votásemos contra este punto”. Porén, para os pensionistas galegos, moitos deles cunha pensión de 400€, ou de 600€ ou 700€, -e esas xa son consideradas altas-, ”será moi difícil acceder a este produto”.
Alarma social
Precisamente no anterior debate sobre as pensións, na sesión plenaria do pasado mes de setembro, a eurodeputada do Bloque acusou á Comisión Europea de crear alarma social para posteriormente dar paso a estes plans paneuropeos privados de pensións. Daquela xa sinalara que non é a demografía e o aumento do número de pensionistas o que pon en perigo as pensións públicas, “senón que o que realmente pon en perigo as pensións públicas é a política económica favorable aos intereses financeiros”.
Para o BNG, o volume de negocio destes plans privados só pode aumentar “se non protexemos e defendemos o sistema de pensións públicas”, sinalou Miranda, como fan os pensionistas desde hai meses desde a Coordinadora de Defensa das Pensións. “Curiosamente, a maioría dos informes que conclúen a insostibilidade do sistema público de pensións proveñan de fundacións e entidades ligadas á banca”, denunciou.