O BNG no Congreso exixe a Montoro que o Programa PADRE da Renda 2014 inclúa o galego

FOTOS AVALIACIÓN MONTORO 2013 003As deputadas do BNG no Congreso, Rosana Pérez e Olaia Fernández Davila, presentaron unha iniciativa parlamentar na Cámara para exixir ao Ministerio de Facenda que o Programa PADRE para a campaña da Declaración da Renda 2014 contemple a opción de poder utilizar a lingua galega.

“Como é posíbel que se obvie o dereito lingüístico dos galegos e das galegas a poder tramitar mediante o Programa PADRE as súas declaracións na lingua propia? A que se debe esta exclusión cando o galego é a lingua oficial de Galiza? A que se debe a constante negativa da Administración Xeral do Estado á hora de asumir o pluralismo lingüístico existente no estado?”, son algunhas das preguntas que as deputadas do BNG dirixen ao

Ministerio presidido por Montoro.

As parlamentares nacionalistas enfatizan que “un ano máis comezou a campaña da Declaración da Renda 2014, e de novo a Axencia Tributaria fai caso omiso do dereito dos cidadáns galegos a poder realizar as súas declaracións en lingua galega. O Programa PADRE disposto por Facenda na súa web non inclúe a opción do galego”.

Un dereito dos cidadáns galegos

Rosana Pérez e Davila explican que este tema leva “sendo o cabalo de batalla do BNG desde hai unha década ou máis. É difícil entender tal obstinación, semellante terquedade á hora de asumir e respectar a lexislación lingüística estabelecida. Tanta negativa non pode obedecer unicamente a “despistes” ou “esquecementos” ou “fallos técnicos”. Chove sobre mollado. E debemos concluri que se trata dunha cuestión ideolóxica derivada dun pensamento centralista. Realmente o Goberno do PP só considera de “facto” lingua oficial o casetelán, de aí que ignore o resto de linguas cooficiais, sobre todo si se trata do galego”.

Conclúen as deputadas do BNG que “poderíamos concluir que existe unha atración fatal entre o Goberno e a lingua de Galiza”.

Esa enquina queda ilustrada asemade noutras constantes vulneracións da Administración Xeral do Estado da toponimia oficial de Galiza. “Da igual o Ministerio do que se trate, organismo ou sociedade estatal, ningún respecta as formas toponímicas oficiais galegas. A normalización da lingua galega é un proceso de loita constante a base de reclamacións, preguntas parlamentares e denuncias”.

Outra cuestión que denuncian as deputada nacionalistas é a negativa da Administración Xeral do Estado a atender en galego aos cidadáns que así o desexan a pesar de estaren obrigados por lei. “O Goberno chegou ao paroxismo de negar a tramitación dunhas sancións en lingua galega a pesar da claridade do estipulado nas normativas vixentes”.

As deputadas do BNG sinalan que “a estas alturas cremos que existe unha actitude belixerante para coa lingua galega por parte do Estado”. Demanda a Montoro que canto antes realice o cambio no Programa PADRE.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG