O deputado do BNG, Néstor Rego, manifestouse moi crítico co proxecto de Orzamentos do Estado para 2023 presentado polo Goberno e emprazou a ministra de Facenda a dialogar para melloralos. Rego sinalou a necesidade de aumentar o investimento na Galiza, para atender as necesidades das galegas e galegos -especialmente en infraestruturas ferroviarias e servizos- e estabelecer verdadeiras políticas sociais para solucionar os graves problemas polos que atravesan as clases populares. Advirte que, se non se produciren mudanzas importantes, os orzamentos non contarán co apoio da frente nacionalista na votación final.
Durante o debate das emendas á totalidade, a organización nacionalista lembrou que este ano non presentou emenda e anuncia o voto en contra ás presentadas “para dar marxe ao diálogo e á negociación”. O BNG cualificou os orzamentos, xa na súa presentación, como “insuficientes e decepcionantes, máis aló do resaibo militarista que non compartimos”.
“O investimento na Galiza estáncase en relación con 2022 e xa partíamos de orzamentos moi baixos en anos anteriores” recorda o deputado nacionalista. De facto, o investimento soben neste Orzamentos no seu conxunto e soben na inmensa maioría dos territorios: Andalucía sobe 2.3%; Cataluña, 3.5%, Madrid, 13,4%; Navarra, 34.73%. Pola contra, na Galiza fica en 0.2%. O deputado nacionalista denuncia que ademais os orzamentos previstos para a Galiza en anos anteriores, “non foron executados na súa totalidade. En 2021 ficaron sen gastar 1 de cada 3 euros e en 2022 será peor”.
Rego sinala que, no proxecto presentado para 2023, non figuran actuacións importantes para a Galiza que, ademais, están incluídas no acordo de investidura. “Son, por tanto, compromisos do Goberno coa Galiza que vostedes están a incumprir un ano si e outro tamén” reprocha o deputado na tribuna.
Infraestruturas ferroviarias para a Galiza
“Actuacións importantes como a modernización da nosa rede ferroviaria interna: a liña A Coruña-Lugo, A Coruña-Ferrol, a conexión entre Santiago de Compostela-Lugo e, mesmo, a saída sur de Vigo para conectar o Eixo Atlántico coa rede portuguesa” enumera o deputado nacionalista. O feito é que, antonte a Ministra de Transportes aseguraba que, esta conexión entre Vigo e Tuio estará antes de 2040. “2040! Se non conto mal, son 18 anos para 30 quilómetros, cando o Goberno portugués estabeleceu como data de entrada en funcionamento da súa rede o ano 2028” denuncia Rego.
Por outra parte, o deputado nacionalista denunciou que o Goberno anunciou a creación de cinco novos servizos de ‘Cercanías’ de Renfe en Madrid, Castela e León, Murcia e Andalucía mais, pola contra, “non prevé implantar ningún na Galiza, a pesar de que algunhas áreas urbanas se sitúan por encima dos 650.000 habitantes como Vigo-Pontevedra ou A Coruña-Ferrol e carecen deste servizo esencial”.
Atallar a crise industrial e apostar por unha transición xusta
Segundo explica o deputado nacionalista, o proxecto presentado polo Goberno do Estado “tampouco contempla actuacións para atallar a grave crise industrial que arrastra a Galiza”. Non aparecen proxectos para impulsar a transición xusta, sobre todo nas Pontes ou Meirama e, tampouco, “a rexeneración ambiental das rías galegas” que limitan a súa capacidade produtiva.
Cumprir os compromisos, aumentar o gasto social e renunciar ao militarismo
“Non existen partidas para a creación de tres novos xulgados de violencia de xénero en Santiago, Ourense e Lugo. Tampouco garanten cumprir o compromiso de asumir 50% da dependencia” enumera o deputado do BNG. Rego advirte que este é o “último ano da lexislatura” e a “última oportunidade para asumir todos os compromisos adquiridos”.
Se ben o Goberno revaloriza as pensións, PSOE e UP non incrementan as pensións mínimas. É unha cuestión fundamental para a Galiza e o resto do Estado xa que, esta medida, axudaría a reducir a fenda de xénero e a territorial.
“Outros compromisos si os compren. Aumentan o gasto militar a redor de 3.000 millóns de euros para contentar á OTAN e saciar a sede de negocio do complexo militar industrial norteamericano” asevera. Para o deputado nacionalista, os recursos que pretenden destinar a gasto militar son imprescindíbeis para atender necesidades sociais: “reforzar as axudas aos sectores máis vulnerábeis, reforzar os servizos asistenciais, fomentar o emprego ou mellorar servizos esenciais como a educación e a sanidade”.
“A atención primaria está colapsada, pero vostedes prefiren gastar máis en bombas e armamentos. No canto de máis armas, hai que apostar pola vía diplomática, do diálogo e a negociación para parar a guerra, primeiro para acabar coa dor e sufrimento que provoca, mais taménpara frear e reverter as consecuencias sociais desastrosas a que están a arrastrar os pobos de Europa a submisión da UE á OTAN e aos intereses norteamericanos” afirma.
“Cada día son máis as voces que se levantan neste sentido, vostedes -PSOE e a vicepresidenta de Unidas Podemos- parecen empeñados en ir na dirección contraria. Rectifiquen”, enfatiza Rego.
O deputado nacionalista reafirmou que o BNG, como sempre, “actuará con responsabilidade e firmeza en defensa dos intereses de Galiza e das clases populares” e trasladou ao Goberno a responsabilidade introducir mudanzas no proxecto de Orzamentos. “Esperamos de verdade que teñan a vontade de mellorar estes orzamentos. A pelota está no seu tellado”, concluíu.