parlamento galego

BNG logra o compromiso para declarar a Rapa das Bestas de Sabucedo como Ben de Interese Cultural

Ariadna Fernández
Ariadna Fernández
A deputada Ariadna Fernández recriminou ao Partido Popular que “tivo que ser o BNG e a presión social” a que logra que a Xunta declare este patrimonio como Ben de Interese Cultural.

O Bloque Nacionalista Galego vén de defender a declaración da Rapa das Bestas de Sabucedo como Ben de Interese Cultural Inmaterial (BICI) no Parlamento galego, unha práctica cultural ancestral que foi recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional no ano 2007. A deputada do BNG, Ariadna Fernández, destacou que “a Rapa ten un significado e simbolismo que vai máis alá do festivo e o turístico”. “É un sinal de identidade comunitario, unha tradición cargada de valores emocionais, unha expresión xenuína da relación entre o ser humano, as bestas e o medio natural”.

No ano 2019 anunciouse a proposta de declaración da Rapa das Bestas de Sabucedo como Ben de Interese Cultural Inmaterial ao abeiro do previsto na lei do patrimonio cultural de Galiza. “Fíxose no marco dunha comparecencia que tivo lugar no Campo do Medio de Sabucedo, na que o conselleiro de Cultura se comprometeu a traballar de forma conxunta coa asociación Rapa das Bestas e o concello para acadar ese obxectivo”. Fernández salientou que na comparecencia tamén estaba presente a responsábel da Axencia de Turismo de Galiza.

No mes de xaneiro de 2023 anunciouse de novo que o Concello da Estrada, en colaboración coa Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, iniciou os trámites para a declaración da Rapa como Ben de Interese Cultural de carácter inmaterial.

A deputada nacionalista salientou que “o cabalo salvaxe é o gran herbívoro mellor adaptado ao aproveitamento de breixeiras e turbeiras”, dous dos hábitats con maior interese pola súa biodiversidade en Galiza, “a través da dieta, o cabalo salvaxe limita o desenvolvemento da vexetación e favorece que sobrevivan especies de plantas sensibles”. Cambios no manexo dos cabalos salvaxes que limiten o seu comportamento natural poden provocar un efecto negativo e irreversible na biodiversidade.

“O valioso ecosistema conformado polos cabalos e o seu hábitat está ameazado por diversas intervencións, algunhas delas relacionadas con proxectos de explotación industrial do monte”. Ariadna Fernández fixo fincapé no caso de plantacións forestais e polígonos industriais eólicos. “Na ampla zona de monte dos concellos da Estrada, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro estanse tramitando proxectos de polígonos eólicos que poñen en risco a pervivencia desta especie e a conservación do seu hábitat”.

Fernández advertiu que tendo en conta estas e outras ameazas que se cernen sobre a festa da Rapa, sobre os cabalos do monte e os ecosistemas nos que se desenvolven, a declaración como BICI ten especial transcendencia e non se pode adiar por máis tempo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG