O BNG logra o apoio do Parlamento en defensa do indulto para Manuel de Talelo, o percebeiro de Lira

Manuel de Talelo
Manuel de Talelo

Montse Prado tamén defendeu que non entre en prisión mentres non se resolva o indulto, “porque é un traballador honrado que só se defendía”

O incidente foi nun momento de tensión co furtivismo despois de que a Xunta retirase o apoio ao servizo de vixilancia á reserva mariña de Lira

O BNG logrou o apoio unánime do Parlamento para reclamarlle ao Goberno central o indulto para Manuel Martínez Lustres, o percebeiro de Lira condenado a tres anos de prisión por un delito de lesión tras un incidente cun furtivo da comarca nuns feitos que tiveron lugar no verán de 2013, nun contexto de grande tensión e descontrol do furtivismo.

A proposta aprobada tamén inclúe a demanda de que o afectado non teña tampouco que entrar en prisión até que se resolva o indulto. “Que o Goberno do Estado e da Xunta que fagan os deberes con celeridade e de inmediato porque Manuel non pode entrar nin un só día na cadea porque é un traballador honrado e o único que fixo foi defenderse el e o seu medio de vida”, reclamou a portavoz de Pesca, Montse Prado, durante a defenda da proposta do Bloque.

O clima de confrontación cos furtivos prodúcese despois de que a Xunta “retirase o financiamento do servizo de vixilancia da Reserva Mariña dos Miñarzos en Lira, unha iniciativa pioneira no mundo posta en marcha no ano 2008”.

“A Xunta decidiu eliminar a vixilancia da zona, deixándoa desprotexida desde mediados de marzo de 2013, o que provocou o malestar e a desaprobación da xente do mar xa que o furtivismo era un dos principais problemas desta reserva mariña, desprotección que obrigou aos profesionais a tentar controlar aos furtivos, que empezaron a operar tras anos de ter a situación baixo control”, explicou Prado.

De feito, a portavoz parlamentaria de Pesca salientou que o grupo de furtivos implicado no incidente “era coñecido por ser perigoso e estar ben preparado”, e neste contexto  foi cando os percebeiros profesionais de Carnota, entre os que se atopaba Manuel, plantaron cara aos furtivos cando fixeron unha incursión de madrugada na reserva de Lira.

“Esa mesma noite o grupo de furtivos presentouse no domicilio de Manuel, ante o que causaron fortes disturbios, chamou á garda civil, mais cando chegaron os furtivos xa marcharan e ao non lograr o seu obxectivo nesa noite, retornaron a Lira días despois e localizárono na caseta na que garda o material, onde o ameazaron, intimidaron e trataron de acurralar. Cando intentou defenderse, ocasionou unha lesión de importancia a un dos atacantes da que tardou varios meses en recuperarse”, lembrou Prado.

Apoio de toda a comarca

O proceso xudicial aberto tras a denuncia que realizou o furtivo, rematou cunha sentenza condenatoria a tres anos de cadea pola Audiencia Provincial da Coruña, ratificada no TSXG, sentenza actualmente en trámite de execución o que fai  inminente a entrada en prisión, pese a tratarse dunha acción en defensa propia e pese a que pagou unha indemnización ao furtivo ferido de 7.200€.

Manuel conta co apoio da veciñanza e do tecido social de Carnota e da comarca, “cunha riada de apoio e de solidariedade para impedir que ingrese na cadea polo feito de defender o seu medio de sustento e a súa vida ante un ataque de furtivos que opera impunemente na zona”, de aí esta proposta do Bloque de pedir o indulto e de que non ingrese en prisión mentres este non se resolva por parte do Goberno central.

Familiares e amigos de Manuel seguiron o debate desde a tribuna do Parlamento e despois mantiveron un encontro coa portavoz nacional, Ana Pontón, e coa deputada Montse Prado.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG