O Congreso, a través dunha iniciativa do BNG, insta o Goberno do Estado a estabelecer un reparto por centros desas 1500 novas contratacións atendendo a unha distribución proporcional ao actual volume de emprego dos respectivos centros de traballo de Navantia. A proposta do BNG consegue o apoio da Comisión de Industria que tiña por obxectivo que Navantia Ría de Ferrol non saia discriminada, máis unha vez, nin prexudicada no reparto dos novos efectivos e aproveitando todo o potencial do centro de traballo instalado na Galiza.
Navantia, a empresa pública propiedade da SEPI, dedicada á construción naval con centros de traballo na baía de Cádiz, Cartaxena, Madrid e a ría de Ferrol, ten unha historia, dimensión, capacidade construtiva e operativa, nivel tecnolóxico, clientes, facturación e volume de emprego que a levan a ser unha das grandes empresas industriais do seu sector no panorama mundial.
“No mes de marzo do pasado ano 2023 o presidente do goberno español, o Sr. Pedro Sánchez, anunciou a contratación de 1.500 traballadores e traballadoras para reforzar os cadros de persoal da empresa” lembrou o deputado do BNG durante a defensa da moción. Este anuncio foi saudado de inmediato pola representación legal do persoal, que ademais de celebrar o anuncio.
Mais, posteriormente, na comarca de Ferrol provocou algunha outra reacción, entre o estupor, a indignación e mesmo a preocupación, xa que ao contrario que nos demais centros da empresa, na ría de Ferrol, aínda non se completaron as incorporacións correspondentes ao anterior plan de emprego, estando pendentes un total de 100 novas contratacións.
“Queremos singularizar o plan de emprego porque nos preocupa que o Goberno, máis unha vez, volva discriminar o centro de traballo da Ría de Ferrol” destaca Rego. Neste sentido, a organización nacionalista sinala que o obxectivo da iniciativa é que o principal centro, Navantia Ría de Ferrol, non saia prexudicado no reparto por centros das novas contratacións e incorporacións.
Impulsar e reactivar Navantia Ría de Ferrol
“O BNG rexistrou tres iniciativas de maneira simultánea: unha para mellorar as condicións laborais dos e das traballadoras despois de dous anos co convenio colectivo paralizado; outra para impulsar. Modernizar e diversificar a actividade a través do Plan Industrial; e a que hoxe debatemos e votamos sobre o Plan de Emprego para 2023” subliñou o deputado do BNG no Congreso.
A organización nacionalista reafirma o seu compromiso e a súa posición na aposta estratéxica de Navantia Ría de Ferrol como empresa tractora e motor económico das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. “O Centro de traballo da Ría de Ferrol ten moitas potencialidades e, desde o BNG, defendemos o impulso deste sector” sinala.
“Sabemos que o proceso de industrialización e reindustrialización é importante en todos os territorios mais, no caso da Galiza, é urxen e necesario non permitir o luxo de que se desmantelen instalacións como as de Navantia Ría de Ferrol ou perdan carga de traballo” sentenza Rego.