O BNG leva a denuncia da contaminación dos ríos de Ourense ante a Comisión Europea

Visita Ourense
Visita Ourense

Ana Miranda e Noa Presas denuncian  “neglixencia” do Goberno galego  ante a contaminación do Barbaña, Támega e Encoro das Conchas e piden medidas urxentes para a súa rexeneración

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, acompañada da deputada por Ourense, Noa Presas realizou hoxe unha visita aos ríos Barbaña, Támega e Encoro das Conchas e  anunciou que o BNG levará “ a contaminación dos ríos da provincia de Ourense ante a Comisión de peticións do Parlamento europeo”

Tras diversos encontros con asociacións ecoloxistas e de loita contra a contaminación,  a eurodeputada salientou que para o BNG, a provincia de Ourense é unha das provincias galegas con maior riqueza ecolóxica e denunciou que “a mala xestión e a non aplicación das normativas europeas” están a provocar un grave deterioro pola existencia de vertidos, excesos de nitratos, falta de depuración e saneamento.

Ana Miranda comprometeuse a trasladar ao Parlamento europeo a situación das tres áreas visitadas hoxe polo BNG para que a comisión europea de peticións analice o informe dos ríos de Ourense como xa fixo co das rías galegas, lembrou.

A portavoz do BNG en Europa reiterou que Ourense precisa “ríos limpos” polo que, na súa opinión, o Estado e a Xunta teñen a responsabilidade de  iniciar unha auditoría e cumprir coas normativas europeas nesta materia.

A eurodeputada do BNG convidou  á Asociación “Ríos limpos” no mes de decembro para tratar directamente coa Comisión europea a actual situación dos ríos de Ourense. En Bruxelas, dixo, “a asociación poderá expoñer todos os motivos da denuncia de delito medioambiental e esixir unha auditoría para que a normativa se cumpra”.

NEGLIXENCIA DA XUNTA ANTE A CONTAMINACIÓN

Pola súa parte, a deputada por Ourense denunciou a “neglixencia” da Xunta de Galiza por non reclamar do Estado o cumprimento de responsabilidade en materia ambiental  e a arbitraxe de mecanismos propios de “vixilancia, rexeneración e fiscalización” ante a situación de degradación dos  ríos na provincia de Ourense.

Ademais, Presas lamentou que o novo goberno do Estado non amose vontade por cambio de rumbo na xestión  das  confederacións alleas á xestión galega. Ana Miranda tamén se comprometeu a realizar unha nova visita a zona no mes de novembro co fin de recadar máis datos e constatar que foron tomadas as medidas que o BNG demanda contra a contaminación dos ríos en Ourense.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG