parlamento galego

BNG leva ao vindeiro pleno propostas contra a crise económica e fronte a propaganda de medidas en diferido do PP

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará  critica que o goberno Rueda abandone a 175 mil galegos e galegas afectados polo incremento das hipotecas mentres beneficia a 7 mil millonarios con rebaixas fiscais

Asegura que o bono escolar de 120 euros para practicar deporte subirá as accións de NIKE e ADIDAS mentres 34.879 fogares non poden mercar carne, peixe ou polo

O BNG leva á vindeira sesión plenaria diversas propostas contra a crise económica e “fronte a propaganda de medidas en diferido do PP”. Así o avanzou o deputado nacionalista, Luís Bará tras a reunión de portavoces.

Luís Bará salientou que a pregunta da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón ao presidente da Xunta será sobre a crise de prezos e medidas “urxentes e inmediatas” e non “en diferido” para poñer en marcha a principios do ano que ven, si os orzamentos o permiten

O BNG, dixo Bará quere poñer enriba da mesa “solucións” á suba de prezos fronte “á pasividade e propaganda do Partido popular”. Neste sentido, engadiu que estamos no momento de poñer en marcha medidas “eficaces” e nos as cortinas de fume como as que nos quere vender a Xunta. Dende o BNG trasladaremos propostas contra a suba das hipotecas que “afogan a 175 mil fogares, os alugueres de vivendas, a cesta da compra e sobre os gastos do novo curso escolar”.

Interpelaremos ao goberno sobre o incremento dos produtos básicos de alimentación que afectan, segundo os últimos datos do IGE,  a 34.879 fogares que non poden mercar carne, polo ou peixe. Esta situación “é un drama” ao que sumou a realidade de 132.000 persoas en exclusión social e pobreza.

Para o deputado, a Xunta abandona a todas esas persoas á “súa sorte e deixándoos sen a Tarxeta básica como ferramenta para axudar ás familias a acceder aos produtos básicos” e  dificulta a compatibilidade do ingreso do Salario Mínimo Vital e a Risga porque o goberno nos tomou as medidas necesarias para facilitar esta compatibilidade.

Estamos, recalcou o nacionalista, ante un goberno “insensible que abandona ás persoas nos momentos máis difíciles” e por iso imos propoñer a posta en  marcha da Tarxeta básica cun investimento de 31 M€ anuais para axudar a 75 mil familias,  con dificultades para acceder a produtos básicos, segundo datos da propia Xunta, esa Xunta que eliminou a Tarxeta básica mentres aplica rebaixas fiscais a 7 mil millonarios “cun pelotazo fiscal de 34 millóns de euros”.

Por outra banda pediremos explicacións ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez sobre o encarecemento do curso escolar, “o máis caro da historia” así como os recortes de medios, aulas e na  atención á diversidade.

Ademais poremos o foco na vivenda turística e o impacto que está a producir na vida urbana, con expulsión da poboación e problemas de convivencia no ámbito urbano así como  diversas proposición non de lei relativas á inclusión de Galiza no Corredor ferroviario de mercadorías do Noroeste, as consecuencias dos vertidos da Mina de San Finx, a problemática da avespa velutina e a situación da empresa Celsa en Laracha.

Na súa  intervención Bará afirmou  que o goberno do PP e o seu presidente Rueda a cabeza, continúan instalados na propaganda, “están nas últimas, co depósito na reserva con medidas en diferido porque son propostas para poñer en marcha, o ano que ven si hai orzamentos”. Sobre o bono escolar de 120 euros para practicar deporte asegurou que “é unha medida que con toda probabilidade fixo subir as accións de Nike e Adidas”.

O deputado concluíu recalcando que Rueda sigue “teledirixido dende Madrid por Ayuso e Feijóo” e continúa desconectado da realidade galega e dos problemas e para que se centre e deixe esa mochila “cargada de recados de   Madrid”,  ímoslle regalar  un bono para que merque un mapa e unha cantimplora  para que se oriente nestes últimos meses de mandato, ironizou.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG