O BNG mantén o seu voto en contra da Lei do Solo impulsada en solitario polo PP porque supón unha versión empeorada da actual lexislación de 2002 en termos medio ambientais, sociais e económicos, e ven confirmar que o urbanismo en Galiza está falecido ou na UCI, en palabras da deputada Ana Pontón.
O PP representa un urbanismo mutante con continuados cambios lexislativos que implican inseguridade xurídica, un urbanismo que non pensa no futuro, nin protexe o territorio, nin garante usos sociais do solo prevendo vivenda protexida ou servizos públicos, argumentou Pontón na súa intervención de defensa da posición do Bloque.
A proposta lexislativa do PP nace morta posto que propón reformas mesmo antes da súa entrada en vigor, cando o 75% dos concellos galegos non chegaron a adaptar o seu planeamento á actual Lei do Solo, coa suposta pretensión de dar saída aos problemas xerados pola suspensión do PXOM de Vigo.
Que hai detrás da emenda que propón o PP, -interpelaba a deputada-, xa que exclúe a participación social, non recolle estudo de impacto medio ambiental e responsabiliza aos concellos dos procesos de expropiación con independencia de quen sexa o beneficiario da mesma, argumentou.
Pontón denuncia a falsificación do debate arredor das consecuencias da suspensión do PXOM de Vigo e explica a dobre proposta do BNG para facilitar a ampliación de Citroën: aplicar a Lei de Solo en vigor que permite a declaración de supramunicipal para proxectos de interese xeral, suposto no que entraría a ampliación da planta viguesa ou, en todo caso, incorporar unha disposición ad-hoc no texto en tramitación.
O Bloque tamén foi claro na defensa da emenda para solicitar a derogación do proxecto sectorial pensado para consolidar ENCE na Ría de Pontevedra, pese a contar con sentenza contraria do TSXG, que permite á Xunta prorrogar a continuidade da pasteira saltándose a legalidade, pois os terreos no que se localiza non contan coa cualificación de solo industrial. Unha cacicada máis no PP, sentenciou a deputada nacionalista na Cámara.
Paso atrás
Ana Pontón afondou nos argumentos do BNG para votar en contra do Proxecto de Lei do Solo que, sintetizou, é un paso atrás e recupera o espírito liberalizador da normativa urbanística aprobada no mandato de Aznar que foi nefasta en termos sociais, ambientais e territoriais.
Elimínanse a zona de 200 metros de protección da costa, desprotexese o solo de explotación agraria, persisten os erros en materia de monten en man común, suprímese a prohibición de recualificar terreo rústico a urbano tras sufrir un lume favorecendo a especulación do solo, non promove a protección e rehabilitación do territorio, nin aposta por cidades compactas pensadas para a calidade de vida das persoas.
O BNG defende un urbanismo ao servizo do país e da maioría social, sintetizou Pontón, para explicar o voto en contra da Grupo nacionalista ao Proxecto de Lei de Solo do PP.