O BNG insta ao Goberno español a conceder o asilo político ao activista saharaui Hassana Aalia

SAHARAUI 002

SAHARAUI 007A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, e a deputada do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, presentaron senllas iniciativas parlamentares instando ao Goberno do estado a conceder o asilo político ao activista de dereitos humanos saharaui, Hassana Aalia, vítima da persecución política de Marrocos.

Explican as parlamentares do BNG que o Goberno español acaba de notificar a Hassana Aalia a denegación do asilo político a pesar da súa fráxil e compricada situación. “Este mozo foi condenado polo réxime marroquino a cadea perpetua pola súa participación nos actos de protesta do campamento de Gdeim Izik”.

Aalia viven en Bilbo desde o ano 2011 grazas a unha bolsa de estudos lingüísticos. É unha persoa implicada na defensa dos dereitos humanos do pobo saharaui, “un activista que leva anos levando a voz deste pobo oprimido por distintos lugares do planeta”.

As parlamentares do BNG fan unha breve descripción do caso, explicando que “a fin de entender a persecución política á que está sometido este mozo, así como outros moitos saharauis, é preciso lembrar o sucedido no 2010, cando en outubro daquel ano, instalouse a 15 quilómetros de Aaiún o campamento Gdeim Izik, coñecido como Campamento da Dignidade como unha acción reivindicativa de protesta pacífica en pro dos dereitos políticos, sociais e económicos do pobo saharaui.

Condenado a cadea perpetua por Marrocos

As autoridades marroquinas respostaron a aquela acción pacífica con represión, detencións e torturas. Un dos detidos foi Aalia, foi xulgado e liberado sen cargos. Máis, aí non queda a cousa, porque mentras vivía en Bilbo en febreiro de 2013 enteirouse através dunha emisora online de que era condenado a cadea perpetua por parte de Marrocos.

Hassana pediu o asilo político pero o Goberno español, “facendo gala da súa insensibilidade para coas cuestións de dereitos humanos e para coa causa saharaui, denegoulle o asilo a pesar de ser un caso evidente de persecución política. A súa volta terá consecuencias terríbeis para a súa vida”. As deputadas do BNG denuncian que o Goberno español “opte por se alinear coas políticas represivas e de falla de liberdades que existe en Marrocos, dándolle credibilidade a un réxime dictatorial que practica unha auténtica política de exterminio do pobo saharaui”.

Emprazan ao Goberno español a “comprometerse de verdade na defensa dos dereitos políticos, humanos, sociais e económicos do pobo saharaui en lugar de poñerse de lado de Marrocos. No que vai de lexislatura, a diplomacia española non moveu un dedo pola autodeterminación deste pobo oprimido e ocupado. Desde o 1 de xaneiro deste ano o estado español exerce como membro non permanente do Consello de Seguridade das Nacións Unidas para o bienio 2015-2016. Preguntámonos se vai só para figurar ou vai defender causas nas que ten unha alta responsabilidade como é a cuestión saharaui”.

“É unha proba da liña política iniciada por este Goberno no camiño da restrición de liberdades e dereitos fundamentais que iniciou coa lei Mordaza e agora coa reforma do Código Penal”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG