congreso

BNG insiste na retirada de emendas e a tramitación áxil da Lei de Transferencia da AP-9

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego apoiase na resolución do Parlamento da Galiza, defendida polo BNG e apoiada pola unanimidade, en que se insta os grupos do Congreso a “apoiar o texto nos termos votados no Parlamento co obxecto de garantir a aprobación o máis rápido posíbel”

Esta quarta feira, nova reunión da ponencia no Congreso onde o deputado do BNG reclamará o cesamento do bloqueo na tramitación por parte de PSOE e PP

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe a PP e PSOE a retirada das emendas á Proposición de Lei para a transferencia da titularidade e competencias da autoestrada AP-9 á Galiza. Após dous anos da súa toma en consideración, Rego afirma que “é hora de rematar a tramitación nos termos en que foi aprobada no Parlamento de Galiza pola unanimidade da cámara” e non dilatar máis a súa aprobación no Congreso. Para este fin, engade o deputado do BNG, unha recente resolución na cámara galega instando as forzas políticas con representación no Congreso a aprobar o texto tal e como saíu do Parlamento.

Pasaron dous anos e tres meses do debate e toma en consideración da Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da autoestrada da AP-9 á Galiza. “Dous anos en que a Mesa do Congreso aprazou en reiteradas ocasións o remate do prazo para a presentación de emendas, dilatando así a constitución da ponencia e a tramitación da Lei no Congreso” denuncia o deputado do BNG. De facto, lembra Rego, en máis dunha ocasión a frente nacionalista presentou escritos instando a Mesa do Congreso a finalizar o prazo de emendas.

“Unha vez constituída a ponencia atopámonos con que PSOE e PP rexistraron emendas que desvirtuaban o que eles mesmos apoiaron no Parlamento de Galiza e defenderon no Congreso dos deputados. Unhas emendas que, no caso das do PP, abordan cuestións que deberán ser obxecto da negociación que debería ser posterior a esta tramitación entre a Xunta de Galiza e o Goberno do Estado na Comisión bilateral de transferencias, para garantir recursos e actuacións necesarias; e as do PSOE, modifican de maneira substancial o propósito da Lei, facendo que pase de transferencia da infraestrutura a transferencia só da xestión” sinala.

Segundo apunta o deputado nacionalista, PSOE e PP deben de retirar as súas emendas ao Proxecto de Lei para “rematar a tramitacións nos termos en que foi aprobada pola unanimidade do Parlamento de Galiza e non dilatar máis a súa aprobación no Congreso”. Rego alerta da inminente finalización da lexislatura, coa proximidade da época estival e posteriormente a disolución das cortes xerais. “Se non se tramitar agora, teríamos que volver a comezar” asevera.

Ante esta situación, continúa Rego, o BNG tentou en máis dunha ocasión desbloquear a tramitación -tanto desde o Parlamento como no Congreso- mais PSOE e PP continuaron a facer oídos xordos. “Existe unha resolución no Parlamento de Galiza, defendida polo BNG e apoiada por PSOE e PP en que se insta os grupos políticos con representación no Congreso a que apoien o texto da proposición de lei de transferencia da AP-9 nos termos votados de xeito unánime polo Pleno da Cámara galega, co obxecto de garantir a aprobación do traspaso no prazo máis rápido posíbel” recorda Rego.

“Esta quarta feira está convocada unha nova reunión da ponencia e no BNG volveremos a insistir sobre a necesidade de retiraren as emendas, para que se aprobe o texto tal e como saíu do Parlamento de Galiza, respectando a soberanía da cámara lexislativa do noso País e estar máis próximos a conseguir ese anhelo de ter unha AP-9 galega e libre de peaxes” finda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG