europeas 2024

BNG impulsará en Europa a Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, clave para o País en termos económicos e sociais

Tui
Tui

Pontón destaca que o escano galego servirá para defender en Bruxelas a posta en marcha da conexión ferroviaria de alta velocidade  Vigo- Porto

Miranda aposta por un estatuto da cidadanía transfronteiriza para vencer as trabas administrativas que sofren miles de persoas aos dous lados da Raia

No marco da campaña electoral do 9X, a  portavoz nacional, Ana Pontón, e a cabeza de lista, Ana Miranda, comprometeron este venres en Tui o traballo do escano do País, que representa o BNG, para impulsar a Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, unha das máis importantes da Unión Europea, con máis poboación -en torno aos seis millóns de habitantes- que algúns dos seus estados.

“Impulsar a Eurorrexión para xerar máis dinamismo económico e social será unha das prioridades do escano galego” fronte ao madricentrismo, proclamou Pontón, que destacou os intereses comúns de Galiza e Norte de Portugal, con miles de traballadores e traballadoras que cada día se moven a un lado e ao outro do Miño e que, dixo, “deben ter garantidos todos os seus dereitos”.

É por iso que o BNG se marca como un dos seus obxectivos prioritarios en Europa o impulso de todas as comunicacións e infraestruturas compartidas co país veciño, en particular as ferroviarias, subliñou. “Hai que ter en marcha o AVE Vigo-Porto canto antes, porque se precisa unha conexión por transporte público rápida e sustentable entre Galiza e Portugal”, asegurou, logo de recordar que o tren entre ámbalas dúas cidades tarda agora dúas horas e media para facer un percorrido que por estrada leva noventa minutos, e que o Celta ten só dúas frecuencias diarias “totalmente incompatibles coa xornada laboral”.

No que afecta ás infraestruturas, avogou tamén por mellorar as conexións da Eurorrexión co resto de Europa, avanzando na rede europea de transportes de mercadorías e dando prioridade os investimentos do corredor ferroviario atlántico de pasaxeiros. Pontón apostou así mesmo por “proxectarnos cara os mercados internacionais do Altántico” mediante unha política de cooperación que permita optimizar a rede de portos e aeroportos da Eurorrexión “que nos converta nunha plataforma loxística que serva de ponte cara a Latinoamérica”.

A portavoz nacional afondou na necesidade de ter en Europa unha voz como a de Ana Miranda que defenda a Eurorrexión tamén no que ten que ver coa integración produtiva, impulsando o intercambio de coñecemento e innovación mediante a cooperación das universidades e centros de investigación.

Ana Miranda
Ana Miranda

Pontón convidou aos galegos e as galegas a acudir ás urnas de maneira masiva coa papeleta do BNG, o “equipo da casa” na cita do 9-X que será a voz dos intereses de Galiza nas institucións europeas. Subliñou, neste sentido, que estas eleccións “non van nin de Sánchez nin de Feijóo, nin de que nos impoñan as súas liortas e a crispación madrileña”.

Estas eleccións van, agregou, “dos galegos e as galegas, dos nosos sectores produtivos, das infraestruturas urxentes que precisa Galiza para estar ben comunicada e poder competir, de reforzar os servizos públicos, da xente do mar e do rural, de darlle futuro á xente moza no País para que non se vexa na obriga de emigrar por falta de oportunidades”.

“A nosa lealdade é cos galegos e as galegas, porque somos o equipo da casa fronte a un Partido Popular que mira cara Madrid, cada vez máis centralista e máis ultra”, insistiu a líder do BNG para pedir o apoio á candidatura que encabeza Ana Miranda, un voto que “vale dobre” porque o Bloque é a garantía de que Galiza vai ter unha “voz firme e reivindicativa” que a defenda en Bruxelas e, ao mesmo tempo, é garantía para construír “outra Europa posible, social, feminista, pacifista”, unha “Europa que integre e sexa terra de acollida”.

Investimento comunitario para os concellos transfronteirizos

Na mesma liña, Miranda destacou que a experiencia transfronteiriza no ámbito local, como a da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, achega solucións aos problemas cotiáns da poboación a ambos lados da Raia, polo que reclamou que o investimento comunitario para a cohesión territorial vaia alí onde verdadeiramente é eficaz, que é nos proxectos desenvolvidos no nivel local e coa participación dos actores públicos e privados deste ámbito.

Logo de advertir que pese á desaparición das fronteiras físicas na UE seguen existindo moitas barreiras que dificultan a vida das e dos cidadáns nos territorios transfronteirizos, a candidata avanzou algunha das medidas propostas polo BNG para superar estas barreiras, como garantir que os fondos dedicados á cooperación cheguen directamente aos territorios e concellos fronteirizos e aos seus colectivos. “É necesario priorizar as convocatorias dirixidas á cooperación de proximidade, a local e incrementar o financiamento dos programas Interreg”, afondou.

De igual xeito, defendeu a creación dun estatuto da cidadanía transfronteiriza, que ademais de atinxir ás e aos traballadores, inclúa tamén a todas as persoas que vivan e traballen a ambos lados da fronteira. “Un estatuto que lles permita vencer as trabas administrativas que dificultan a vida cotiá das persoas, como pode ser os intercambios de estudantes a vilas e centros á outra marxe do río ou a asistencia sanitaria”, exemplificou.

Miranda tamén considerou preciso abordar a problemática específica do Tramo Internacional do Río Miño, un espazo natural que ten un recoñecemento e protección ambiental a nivel europeo baixo a catalogación da Rede Natura 2000, pero que polo seu carácter transfronteirizo dificulta as intervencións de protección e mellora.

Por iso, apostou por unha autoridade gobernamental conxunta con competencias e responsabilidades de toma de decisións en todo o que atinxe á protección e mellora ambiental deste espazo común e defendeu, entre outras medidas, o saneamento integral do Miño e o dragado do seu esteiro, así como a posta en marcha dun plan de eliminación das especies animais e vexetais invasoras que están ocasionando un dano irreparable ao hábitat natural do río.
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG