- Luís Bará presentou a proposta nacionalista que recolle a crear dunha Comisión da Verdade sobre as formas de represión das vítimas galegas no franquismo, un Arquivo da Memoria Histórica de Galiza, eliminar os símbolos e monumentos de exaltación do golpe de Estado, violencia e ditadura franquista e declarar a Illa de San Simón “Illa da Memoria”
O parlamentario do BNG, Luís Bará presentou hoxe unha proposición non de lei para instar ao goberno galego a desenvolver unha “política pública sobre a memoria histórica”, fundamentada nos Dereitos humanos, a Verdade, a Xustiza e a reparación das vítimas do franquismo en Galiza.
Para o deputado, o pasado segue sendo “moi incómodo” para algúns sectores da política e da sociedade pero sen dúbida, “moito máis doloroso” para as vítimas e as súas familias pola ausencia dunha “política pública da Memoria histórica”. Neste sentido avanzou que o BNG presenta esta iniciativa co fin de aprobar unha Lei galega para rescatar “a Verdade, a Xustiza e a reparación das vítimas” do golpe de Estado e da Ditadura franquista.
Bará lembrou que foron máis de 6.000 persoas represaliadas e fusiladas no período 1936-1939, numero que o deputado asegurou é moito máis elevado e ao que sumou “a violencia que non deixou rastro”, aquela, dixo exercida sobre mulleres con tatuaxes na pel, violacións ou torturas a base de aceite de ricino e outras substancias.
O parlamentario aludiu a un informe de dereitos humanos da ONU que pon en evidencia as carencias da política da Memoria Histórica, tanto no Estado español como en Galiza no que atinxe á reparación das vítimas e as garantías para a non repetición.
A proposta nacionalista recolle medidas para unha política pública da Memoria Histórica que debe contar “co máximo apoio institucional” e que pode depender, dixo o deputado, “da presidencia ou vicepresidencia do Goberno galego”.
A lei galega debe “completar, ampliar e mellorar a Lei estatal” do ano 2007 polo que imos propoñer a creación dunha comisión da Verdade, “plural, independente e de carácter oficial” que recupere ás vítimas con carácter amplo porque hai moitas que non aparecen nos rexistros oficiais. Asemade, engadiu, reclamamos crear “unha oficina de vítimas do franquismo”, que reactive o proxecto “Nomes e Voces” desmantelado polo Goberno de Feijóo e que sexa creado tamén o Arquivo da Memoria Histórica de Galiza como centro público de investigación e divulgación con todo o material recompilado e que na actualidade fica “nun almacén”. Bará fixo fincapé na necesidade de estudar a “memoria oral” referida á violencia contra as mulleres, da que dixo, permanece “ausente nos rexistros e documentos”.
O parlamentario reivindicou declarar a Illa de San Simón, “ILLa da Memoria” e espazo central da loita pola memoria histórica democrática. Derrogar a lei de amnistía de 1997 por ser un obstáculo para abrir investigacións e procedementos penais contra violacións graves dos dereitos humanos. Instar ao goberno do Estado a reformar a Lei Orgánica do Estatuto da Vítima do Delito para incluír nela ás vítimas da represión franquista. Elaborar o Mapa da Memoria, iniciativa tamén eliminada polo Parido popular, e facer cumprir a lei no relativo á retirada de todo tipo de simbolismo franquista en rúas e monumentos así como “suprimir títulos honoríficos e recoñecementos a persoas vencelladas á Ditadura”
Finalmente, o nacionalista cominou ao goberno galego a tomar cartas no asunto do Pazo de Meirás, na actualidade pechado por decisión da propia familia do ditador. Ademais de abrir un expediente, explicou o deputado, resulta “un escándalo que a familia de Franco sega boicoteando a apertura do Pazo”, é unha obriga dos seus propietarios abrilo ao público e a lei hai que cumprila e anunciou que nos vindeiros días, o BNG rexistrará unha iniciativa no Parlamento galego sobre esta cuestión.