parlamento galego

BNG impulsa a aprobación unánime da Lei Ángeles Alvariño que sitúa a Galiza á vangarda da igualdade na investigación

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil insta a todas as institucións públicas e privadas a traballar para aproveitar os tres meses de adaptación que establece a nova norma legal

A viceportavoz pon en valor o esforzo colectivo para que a partir de agora “ningunha muller teña que escoller neste país entre ser nai ou científica”

O pleno do Parlamento galego deu luz verde, co voto unánime de todas as forzas con representación na Cámara, da Lei Ángeles Alvariño impulsada polo BNG e que sitúa a Galiza á vangarda da igualdade de xénero, segundo recalcou a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, “nun ámbito que é estratéxico para o desenvolvemento económico, social e humano deste país como é o científico e investigador”.

“Hoxe Galiza da un salto adiante enorme e establece por lei a obriga de todos os organismos, públicos ou privados, incluídas as universidades, os centros de investigación e a propia Xunta, de establecer mecanismos correctores nas distintas convocatorias para garantir que o tempo de maternidade e crianza non supoña unha discriminación nos procesos de avaliación”, explicou Rodil, quen destacou que estamos ante “unha lei pioneira, froito dun traballo colectivo” e ante “un paso de xiganta” porque non hai ningunha outra lei no Estado español, nin sequera na Unión Europea “que recolla isto de maneira tan específica, concreta e con tanta claridade”.

A viceportavoz nacionalista -que tamén trasladou o agradecemento ao resto de forzas políticas polo seu traballo e as súas achegas para sacar adiante o texto “mantendo o espírito co que foi presentado polo BNG co obxectivo de garantir que ningunha muller teña que escoller entre ser nai ou científica”- quixo agradecer especialmente ás investigadoras e científicas do grupo de traballo de igualdade da Rede Galega pola Investigación, Investigal -que hoxe asistiron ao debate parlamentario representadas por Elena Lendoiro e Vanessa Valdeiglesias- e nomeadamente a María de la Fuente, “porque a súa loita, xunto coa de moitas outras mulleres galegas e de todo o mundo, foi a que abriu este camiño e resulta imprescindible para que este hemiciclo aprobe hoxe unha lei que non só di que non se pode discriminar ás mulleres por ser nais, senón que establece legalmente os mecanismos necesarios para garantilo”.

Logo de dar lectura na súa intervención a un texto elaborado por Investigal para o debate parlamentario da nova norma legal, Rodil incidiu en que coa aprobación da Ángeles Alvariño, o recoñecemento dos dereitos fundamentais “da metade da poboación” non quedan suxeitos á boa vontade ou á arbitrariedade de institucións e/ou persoas, senón que se garanten con claridade e concreción no ordenamento xurídico.

Neste sentido, instou á Xunta, universidades e organismos e institucións, públicas ou privadas, do ámbito científico e investigador, a poñerse a traballar para aproveitar os tres meses de adaptación que recolle a lei dende a súa aprobación para que, pasado este período, “as convocatorias que saian publicadas estean perfectamente en liña co que disporá a partir de agora o noso ordenamento xurídico”.

Rodil, que tamén avanzou que o BNG comezará a traballar “dende xa” no Congreso para que este cambio normativo se incorpore tamén ao ordenamento xurídico estatal, asegurou que “hoxe é un día para parabenizarnos colectivamente” porque, segundo recalcou, “demostramos que neste recuncho do Atlántico, para o que ninguén olla as máis das veces, vai avanzando sen présa pero sen pausa en moitos ámbitos, como é o da igualdade”. “É para nos sentir orgullosas e eu sinto un enorme orgullo por iso, primeiro como galega e, se mo permiten, como nacionalista, polo feito de ser o BNG un dos motores dese avance”, concluíu.   
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG