parlamento galego

BNG focaliza no “retroceso” do tecido industrial e económico as súas propostas para o vindeiro pleno no Parlamento galego

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil pon o acento na perda de empregos e peche de empresas, deslocalizadas ou vendidas a capital estranxeiro

 Lamentou que, unha vez máis, o PP impida que a titular de Mar “dea a cara” no conflito da mexilla

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil avanzou os asuntos que serán debatidos no vindeiro pleno do Parlamento galego á petición do BNG entre os que destacou: a alarmante situación do tecido industrial e económico de Galiza, o conflito da mexilla, unha proposta de lei para crear o Innogal co impulso dun programa para a retención e captación de talento e unha interpelación ao goberno galego para que explique en que consiste o anunciou do presidente da Xunta sobre a creación dunha empresa pública de enerxía.

Olalla Rodil anunciou que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará ao presidente da Xunta polas medidas previstas para frear “o retroceso industrial” en  Galiza. Formulamos esta pregunta, dixo,  “ante o panorama que deixan 14 anos de Goberno do Partido Popular” con 20.700 empregos menos no sector industrial desde o ano  2009.

Por outra parte, engadiu, que en Galiza pecharon case 3.000 empresas e un gran número delas  “deslocalizadas ou vendidas a capital estranxeiro”. A última, “Nova Pescanova”, que  podería trasladar  o seu domicilio social e fiscal fóra do noso País.

Ademais, a nacionalista fixo fincapé  na caída da produción industrial en 2022 que deixou Galiza á cola, só por detrás de Castela e León. Mentres no Estado o medre ascendía ao 3%, en Galiza só o 1%.

A políticas do PP na Xunta deixan unha Galiza empequenecida e achicada

Esta realidade, afirmou a deputada do BNG, é “unha boa mostra da Galiza en pequeniño que nos deixa o Partido Popular”. Unha “Galiza achicada e  empequenecida” polas políticas erráticas  do PP na Xunta.

Un país sen industria, un país que non produce, “é un país sen futuro” e as galegas e galegos non  podemos permitir iso  en termos económicos e demográficos.

O PP impide que compareza Rosa Quintana

Tras a Xunta de portavoces, Rodil lamentou que o PP, unha vez máis, vetara a solicitude do BNG sobre a  comparecencia da Conselleira do Mar, Rosa Quintana para explicar, en sede parlamentar, o  conflito da mexilla.

A deputada cualificou de “escándalo” a carga policial producida a semana pasada contra os traballadores do sector mexilloeiro, e outra vez, volveu a amosar o rexeitamento do BNG a esa carga policial. Para a nacionalista, o conflito foi xerado “única e exclusivamente polo Partido Popular na Xunta” e polas decisións adoptadas dende a Consellería do Mar nos últimos anos. Estas decisións, subliñou Rodil “están conducindo a dous sectores estratéxicos contra as pedras”.

“No BNG temos claro que isto non é un conflito entre mexilloeiros e percebeiros. Non son dous sectores enfrontados. O conflito é responsabilidade única e exclusivamente do Partido Popular na Xunta dedicada, sempre, a enfrontar sectores”.

Levamos moito tempo pedíndolle á Xunta que se poña á fronte, que sente aos sectores a negociar e que deixe de tomar decisións pero o único que fai é enfrontar aos  traballadores. “O PP creou un conflito onde non o había e xa está tardando en solucionar esta situación”, reiterou.

Pedimos que a conselleira do Mar comparecese de urxencia no Pleno para explicar que está acontecendo e sobre todo que vai facer para poñer solución ao conflito e o PP  “vetou a comparecencia”.

O BNG aposta por un  Innogal para reter e captar talento

Imos levar a Pleno a toma en consideración da proposta de lei para de crear o Innogal. Unha lei na que traballamos conxuntamente co ecosistema científico e investigador galego para  impulsar un programa forte de retención e captación de talento.

Pedímoslles ás demais forzas políticas, e sobre todo ao PP, que a lean con calma e que apoien a súa tramitación para dotar  a Galiza dunha ferramenta útil e necesaria nun sector económico estratéxico para o presente e o futuro.

Rueda anuncia unha empresa pública de enerxía sen explicar en que termos

Rodil avanzou que o BNG interpelará ao goberno polo anuncio de Rueda sobre a creación dunha empresa pública-privado de enerxía. “Ese grande anuncio do presidente da Xunta de Galiza que é incapaz de explicar”, enfatizou.

Pasou case un mes desde que dixo  ían impulsar unha empresa público-privada e aínda non foi quen de dicir se a Xunta vai ter a maioría do accionariado  nin como se vai materializar. Moito nos temos, dixo, que ao final “vai ser fume e propaganda”.

Finalmente, o BNG defenderá unha iniciativa para dar continuidade á actividade industrial nos terreos de Alu Ibérica, na Coruña.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG