Europeas 2024

BNG fixa como prioridade a defensa dos sectores produtivos e un modelo de Europa xusto para unha maioría social

Propostas concretas: defensa da produción agrogandeira de proximidade, reparto xusto das axudas da PAC, declarar Galiza zona altamente dependente da pesca e medidas contra a competencia desleal no sector da conserva

No ámbito social: reforzo dos servizos públicos, renda social europea, xornada de 35 horas e supresión dos paraísos fiscais

O Bloque reafirma no seu programa electoral o seu compromiso cunha Europa dos Pobos, antifascista, antiimperialista e que loite pola paz

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a cabeza de lista da candidatura ás eleccións europeas, Ana Miranda, presentaron na Coruña o programa electoral co que o BNG concorre aos comicios do próximo 9 de xuño e que se basea en 10 grandes principios para a defensa dos intereses dos galegos e as galegas e dunha Europa dos Pobos, xusta para a maioría social.

“O escano galego vai servir para a defensa dos intereses do noso País, pero tamén para axudar a construír unha Europa xusta e solidaria que aposte pola redistribución da riqueza, unha Europa feminista, na que ningunha persoa sexa discriminada pola súa orientación sexual e unha Europa de acollida, coa man tendida ás persoas migrantes e refuxiadas”, afondou Pontón nun acto no que tamén participou o portavoz municipal na Coruña, Francisco Jorquera.

A líder nacionalista apostou así por unha Unión Europea que, lonxe de recortar, “blinde os servizos públicos” e que non alimente “a cobiza dos grandes lobbies e da banca, senón que poña por diante ás persoas”. En definitiva, unha Europa “sustentable, antiimperialista, antifascista e que loite pola paz no mundo”, resumiu.

Na mesma liña se pronunciou Ana Miranda, quen recordou que “o escano do BNG é o escano de Galiza en Europa” como acredita non só o compromiso nacionalista coa defensa do País nas institucións europeas, senón o inxente traballo desenvolvido ata o de agora polo Bloque con este obxectivo.

“Se nós non estamos, non se defendería a maioría dos temas galegos”, subliñou para reafirmar o seu compromiso á hora de seguir defendendo os intereses de todos os galegos e galegas na Unión Europa. “Quedou moi claro que cando hai relevancia dun tema europeo en Bruxelas é porque foi ou está da man do BNG”, lembrou para exemplificar en cuestións tan concretas e relevantes como as vítimas do Alvia, a ría do Burgo, o Corredor Atlántico ou a AP-9.

Neste contexto, tanto Pontón como Miranda afondaron nun programa electoral asentado sobre 10 grandes principios, a comezar por que Galiza deber ter “voz e voto” en Europa en todos os asuntos que lle afecten directamente e pola defensa dun modelo alternativo de Unión Europea por dúas vías: fortalecer a defensa do País e Bruxelas e loitar contra a orientación cada vez máis antisocial, máis liberal e máis a medida dos grandes poderes económicos que se pretende impoñer.

O terceiro principio do programa nacionalista é a defensa dos sectores produtivos galegos fronte ao desmantelamento progresivo tamén imposto dende Europa para favorecer outros intereses sen ter e conta as necesidades de Galiza.

Neste sentido, o BNG incorpora propostas concretas como unha nova política agraria que permita a soberanía alimentaria, a aposta pola produción agrogandeira de proximidade ou un reparto xusto das axudas da PAC, tendo en conta a dispersión da poboación, a calidade dos alimentos e a protección ambiental. No ámbito pesqueiro, o Bloque seguirá pelexando para que Galiza sexa recoñecida como zona altamente dependente da pesca e reclamando a supresión do principio de estabilidade relativa ou poñer fin á competencia desleal de terceiros países no sector da conserva.

Un modelo económico que sexa xusto para a maioría social e para a clase traballadora é o cuarto principio dun programa que tamén inclúe propostas concretas neste sentido como o reforzo dos servizos públicos, unha renda social europea, a redución da xornada laboral a 35 horas para facilitar a conciliación e que se graven as transaccións económicas especulativas, así como a supresión dos paraísos fiscais.

Cohesión territorial e sustentabilidade enerxética e ambiental

O Bloque tamén incorpora a cohesión entre territorios e a sustentabilidade enerxética e ambiental para que Galiza non sexa discriminada ou mesmo quede desconectada das infraestruturas do século XXI, nin tampouco sexa obxecto do espolio enerxético nin a degradación do seu territorio. Nesta liña, a aposta nacionalista é clara: transporte público, conexións con Portugal, impulso do Corredor Atlántico, modernización do ferrocarril, autoestrada do mar, rexeneración integral das rías e oposición aos proxectos que como o de Altri supoñan unha bomba ambiental para o País.

O sexto principio programático pasa por contribuír á construción desa outra Europa posible, unha Europa antifascista e dos dereitos e das liberdades, denunciando o branqueamento do neofascismo, a manipulación dos medios públicos, como é o caso da TVG, e as políticas machistas e patriarcais moi presentes nesta UE.

Co mesmo obxectivo, defenderá unha Europa solidaria, integradora e de portas abertas, fronte ás políticas vergoñentas en materia de emigración e refuxiados. Unha Europa, en definitiva, que acolla e respecte os dereitos das persoas que foxen da miseria ou da guerra. En coherencia con isto, o BNG inclúe tamén como principio a defensa dunha Europa pola paz, que deixe de ser comparsa da OTAN e os EEUU, empezando por actuar para frear o xenocidio do pobo palestino.  

Dende a convicción de que cada euro que se destina a armas é un euro menos para o gasto social, a formación nacionalista tamén se presentará ás urnas cun programa que defende o benestar social dos e das galegas, apostando pola ampliación do gasto en servizos públicos e pensións, e cun compromiso claro cos postos de traballo de calidade, fronte ao recorte de dereitos laborais que supón a precarización do emprego.

Outro dos principios do programa nacionalista é a diversidade lingüística en Europa e, neste sentido, usará a forza obtida nas urnas o 9 de xuño para que o galego sexa recoñecido como lingua oficial de pleno dereito na UE.

Por último, o decálogo de principios que integran o programa do Bloque péchase coa defensa dos dereitos da mocidade galega, tendo en conta que 80.000 mozos e mozas entre 16 e 29 anos emigraron por falta de oportunidades no seu propio País. Unha sangría que, segundo o Foro Económico de Galiza, supón ademais unha perda de até 300 millóns de euros anuais polo talento fugado. Diante desta situación, o BNG propón un uso acaído dos fondos de cohesión para evitar esta emigración forzada da mocidade galega.  

 

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG