O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, recolle a preocupación do sector polo revezamento xeracional no ámbito pesqueiro e reclamou ao executivo estatal coordinar unha estratexia conxunta coa Xunta para facilitar a formación náutico-pesqueira de forma que se resolva a actual carencia de persoal para as tripulacións e se facilite o desenvolvemento dunha actividade produtiva vital para a Galiza como a pesca. Aliás, exixiu garantir os medios materiais e humanos precisos que palíen a actual situación.
A falta de xente nova formada e coa titulación exixida no sector pesqueiro está provocando que moitos barcos non poidan saír a pescar. Para a formación nacionalista, as políticas pesqueiras aplicadas polo o Goberno español e a Xunta de Galiza “non prestaron atención en ningún momento a este problema, condicionando todos os demais retos aos que o sector ten que facer fronte”.
“Non se definiu unha estratexia que recolla as necesidades formativas que o sector detecta e demanda: nin impulsando o acercamento e coñecemento real do estudantado da formación regrada, nin unha resposta efectiva sobre as necesidades formativas do sector coa organización de cursos específicos e certificados especiais para o embarque” destacou o deputado nacionalista.
Ademais, Rego sinalou que non se está desenvolvendo unha coordinación entre as administracións estatal e galega para atallar cuestións como a compatibilidade formativo-laboral, a presenza de mulleres ou a falta de dotación de medios materiais e humanos nos centros de ensinanza.
Neste sentido, o BNG solicitou do executivo español maior implicación ante os numerosos problemas polos que atravesa o sector e criticou a falta de fomento da pesca artesanal concibida tamén como lugar de aprendizaxe do oficio da pesca para dar un salto posterior a outro tipo de artes pesqueiras.
“As principais escolas náuticas na Galiza -Vigo, Ribeira, A Coruña e Ferrol- suman máis de 400 estudantes e, no entanto, os armadores sinalan os numerosos obstáculos burocráticos para poder acoller en prácticas ese alumnado” incidiu Rego. Así mesmo, a Federación de Confrarías denuncia tamén os numerosos requisitos que se exixen para poder desenvolver o traballo como mariñeiro a bordo dos buques.
Medidas urxentes para garantir tripulacións no sector da pesqueiro na Galiza
Como medida puntual e de urxencia ante a carencia de persoal formado, o BNG aposta na axilidade administrativa e a contratación de persoas de terceiros países para facilitar que os barcos galegos poidan saír a pescar. Neste sentido, Rego incidiu na necesidade de que a Secretaría de Estado de Migracións do Ministerio de Inclusión, Seguranza Social e Migracións modifique a Resolución de 2019 para permitir a entrada de tripulantes de terceiros países coas mesmas condicións que antes.
“Moitos barcos non poden saír a pescar pola falta da tripulación mínima necesaria e a contratación de persoas estranxeiras vese dificultada coa nova lexislación” recalcou o representante nacionalista no Congreso. Rego incidiu na necesidade de reformular a norma vixente para que se permita a “contratación de tripulantes de terceiros países que contan coa titulación adecuada ou se permita, igual que antes, conceder permisos de traballo coa condición de realizar a formación con posterioridade”.
Así mesmo, a formación nacionalista exixe que o Goberno estatal responda as numerosas preguntas formuladas por parte das confrarías e que sexan escoitadas as súas demandas.